
Hai dous xeitos de ver a festa de Santa Marta, ou mellor tres, por mais que dous deles sexan complementários: o lúdico, o cultural e o relixioso. Lúdicamente pode contemplarse a festa como expresión anterga da expresión relixiosa ou festiva dos máis antigos povoadores da terra galega. Ritos, landas, xeitos de entender a vida, cultura das raigames próprias dun povo… Lúdicamente, a festa de Santa Marta de Ribarteme é o grande rito da iniciación á loucura colectiva: loucura relixiosa, ir máis alá dun mesmo para chegar “ao outro lado”, “ao sobrenatural”. Sempre se trascende dun mesmo na expresión da masa. Culturalmente, a cousa poderia estar máis clara: a falta de mentalidade, en xeral, para ser capaz de disociar relixión, ritos anteriores ao cristianismo e, ao mesmo tempo, negócio de esmola. Por chamarlle dalgun xeito. Culturalmente apréciase un grande retroceso, nos últimos anos, na preséncia de mortaxas de oferecidos á santa. Iso poderia ser un bon indicador. Polo de agora non o é pois que unha anduriña non fai primavera. Para constatar iso son necesários moitos anos de non asisténcia de amortaxados á procesión. Culturalmente, bon é conservar a tradición, a festa, o xantar, a banda nos pasacorredoiras, os xogos dos nenos, as rosquilleiras, a verbena noturna, todo aquilo que forma parte da cultura popular galega. Relixiosamente, parece que o actual sacerdote da parróquia está contento con que as expresións primitivas das mortaxas vaian sendo eliminadas. Sempre, a boa fé, é mellor unha pregária, que unha representación teatral cara os demais.
PUBLICADO EM “A PENEIRA” (ANO I – 1984)