Conciencia social

Hoxe en día estamos completamente desbordados pola inxente cantidade de información que circula polos diversos medios (prensa, tv, radio, internet…) e que ten a pretensión de ofrecer unha visión completa da nosa realidade social. Pero resulta que moita desta información é completamente superficial, mero enredo para pasar o tempo, e non ofrece a máis mínima análise rigurosa da realidade que pretende desvelar. Faise imprescindible polo tanto un exercicio previo de selección da información, cun mínimo de sentido crítico, que nos permita construír un modelo de realidade social onde poidamos distinguir o esencial do superfluo e meramente decorativo.

Pretendemos, deste xeito, constituír unha canle de información que parte das premisas antes expostas, e que presume que a información que difunden os medios está moi sesgada e serve con frecuencia a intereses ocultos do poder. Desde groseiras mentiras, pasando por medias verdades, ata información completamente irrelevante que busca acaparar as portadas para distraer a atención dos lectores doutros asuntos máis trascendentes, cando non reconducila directamente para intentar crear “opinión pública”.

Queremos, con esta iniciativa, contribuír ao acompañamento do agromar da conciencia social das novas xeracións cunha selección de información que siga unha liña coherente e dentro dun esquema de pensamento crítico. Queremos ofrecer instrumentos que permitan construír unha análise crítica da realidade social, entendida esta en sentido amplo. Resulta inevitable nesta perspectiva abranguer temas de política, economía, educación, etc. Non promovemos desde estas páxinas partidos políticos en particular, pero si que compartimos unhas ideas comúns, que poden estar representadas polas seguintes posicións:

. Compartimos na esencia a indignación do movemento 15M (DemocraciaRealYa, JuventudSinFuturo, Tomalaplaza.netRed2012…) e moitas das súas propostas. En particular, queremos xogar un papel activo nas decisións políticas, e que a nosa participación non se reduza a poñer unha papeleta nunha urna cada 2 ou 4 anos.

. Compartimos a causa de Wikileaks, e a idea de que a información veraz debe estar á libre disposición dos cidadáns como fundamento da democracia, e non só aquela que lles interesa a quen detentan os medios de poder. Ver máis información sobre Wilileaks na Wikipedia.

. Compartimos a causa de Anonymous. Este é o seu blog oficial.

. Defendemos a idea dunha economía sostible, que utilice racionalmente os recursos do planeta para mellorar a calidade de vida de todos os seus habitantes, e non estea baseada na depredación dos recursos dos países pobres e na explotación da súa man de obra, e dirixida polas grandes corporacións multinacionais e o poder financieiro que só buscan plusvalías inmediatas.

. Defendemos a diversidade social coas súas diferentes expresións culturais, nun exercicio de tolerancia, respecto e solidariedade, e do mesmo xeito rexeitamos as imposicións arbitrarias dos que máis poden.

Temas de ampliación:

. Os medios de comunicación social e o poder

. As relixións (a súa función social)

. O consumo responsable: comercio xusto, etc.

. Formas de vida alternativas: o naturismo

. Alimentación e nutrición

. As novas tecnoloxías: software libre

Deixar un comentario