Arquivo por etiquetas: Monte Comunal

Unha poeta holandesa que fala galego e arrinca eucaliptos

Noticia publicada no xornal LA VOZ DE GALICIA, o 27/03/2024

“Noa Noor, de 28 anos, é unha holandesa de La Haya. Pero é máis galega ca un toxo. Fala un bonitiño galego coas ferramentas que ten, coas palabras que foi aprendendo nos case tres anos que leva nesta terra; sente Galicia moi dentro, de feito, cre que é o seu sitio no mundo, e é unha namorada do rural, das aldeas e… das comunidades de montes. Si, si… do monte comunal.”

Seguir lendo en La Voz de Galicia

O CARRO E O HOME – Antonio Roman e Xoaquin Lorenzo (1941)

Recollo este documental en Youtube, rodado no ano 1941, e que de modo moi emotivo relata o proceso de construción dun carro de bois (e vacas) e os usos que tiña. Podemos ver imaxes da malla do centeo, dos traballos co liño, etc. Aos que xa pasamos dos 40 ou 50 anos, e que sendo nenos aínda nos puxemos algunha vez diante das vacas para guiar o carro, ou iamos e viñamos do monte montados enriba da leña ou do toxo,  seguro que aínda nos emocionará coas lembranzas da nosa infancia. Aquí, en Guillade, haberá como uns 20 anos que se extinguiron os últimos carros, alá pola primeira metade dos anos 90, unha vez que as vacas tamén foron desaparecendo e se introduciron os primeiros chimpíns que foron reemprazando o uso do carro nas economías familiares.

A Comunidade de Montes de Guillade convidada a debatir sobre a situación dos Montes en Mán Común no Marco de Vigo

Coincidindo coa presentación do libro, e obra colectiva, <<Montes, Vacas e Procomún>> coordinada por Francisco Quiroga, no Museo Marco de Vigo o pasado 1 de Marzo, o colectivo “Montenoso” convocou no mesmo día, hora e lugar, unha mesa de debate moderada por un dos seus membros, sobre a actual situación dos Montes en Mán Común en Galicia, na que a parte da Comunidade de Montes de Guillade tamén foron convidadas, as comunidades de Valadares e Cabral de Vigo, Argozón no concello de Paderne e de Irixoa, na provincia da Coruña.

Cabe sinalar que dito evento, conseguíu acadar a atención de varios medios de comunicación, como: Praza.com , Atlántico Diario  ou o programa divulgativo da TVE-2 “La aventura del saber”, que envióu unha equipa de gravación, para confeccionar un programa especial sobre os montes comunais que se emitirá despois de Semana Santa.

O convite non foi casual, xa que os membros do colectivo “Montenoso”, xa se tiñan achegado ata a nosa parroquia no verán do 2013, a realizar varias entrevistas e gravacións que deron lugar a un traballo de video-creación que tamén foi estreado e presentado no Museo Marco fai uns meses.

Ao mesmo tempo, debemos remontarnos a novembro do 2012, para atopar parte dos motivos que levaron a este grupo de profesionais de distintas disciplinas (arquitectura, belas artes, ciencias políticas…) interesarse pola nosa pequena Comunidade de Montes, xa que foi por aquelas datas cando os nosos veciños e compañeiros comuneiros de Mouriscados, déronnos a oportunidade de colaborar con eles nun interesante proxecto de posta en valor do patrimomio etnográfico e arqueolóxico que compartimos con eles, especialmente en todo o que ten que ver coas mámoas milenarias que se atopan entre os límites das nosas parroquias.

Mámoa3

Dito proxecto, xa iniciado, pero aínda sen rematar, baséase en boa medida na apertura dun roteiro de varios kms que permita a todo aquel que queira, aparte de dar un bo paseo, achegarse a coñecer os nomes, no que á toponímia se refire, de boa parte do noso territorio: as súas orixes, significados… a través da colocación de varios paneis informativos confeccionados e situados pola Comunidade de Montes de Mouriscados, para quen unicamente podemos ter palabras de agradecemento pola súa iniciativa e proposta de sumarnos a súa iniciativa.

Un par de meses despois daquela toma de contacto coa directiva de Mouriscados, desprazouse ata Guillade o historiador, arqueólogo e divulgador Alberte Reboreda, un dos impulsores desta proposta de colaboración, a quen tamén debemos agradecer e valorar o seu esforzo e adicación, tanto ou máis que aqueles outros veciños de Guillade que aquela fría e chuviosa tardiña de decembro colaboraron desinteresadamente con él durante horas coa cara pegada a pantalla do ordenador tratando de identificar a través de fotografía aérea os camiños, regatos, penedos, carballeiras, etc… que se sitúan entre a falda do Coto do Santo e a extrema con Campo Do Mouro.

De non ser por eles: Ismael de Carballede, Abel Ocampo e Manuel Martínez da Raño, non seríamos capaces de coñecer toda a riqueza toponímica que temos nesa parte da nosa parroquia, por non falar de todas esas pequenas historias e anécdotas tan importantes e cheas de información que acompañaban as súas palabras e comentarios. E como consecuencia de todo iso, aparte de que os máis novos non poderíamos ter axudado a Alberte Reboreda do xeito incalculable no que eles o fixeron; é posible tamén que se eles non se tiveran implicado, a xente de “Montenoso” nunca tivera reparado na existencia dunha pequena e modesta Comunidade de Montes dun lugar chamado Guillade, na que grazas á sorte de ter veciños como eles e de contar coa xenerosidade e traballo da directiva de Mouriscados, xa somos unha parroquia que conta á hora de falar de ideas e proxectos que axuden a valorar os nosos montes e cultura.

A todos eles: GRACIÑAS! Sen a vosa aportación non sería posible!

*As fotos son cortesía de Alejandro Fdez. Palicio e José Martinez.

“Natureza, ruralidade e civilización”, de Félix Rodrigo Mora

“É central, no libro, a investigación sobre a xénese, natureza e traxectoria da institución do “concejo abierto”, como forma asamblearia tradicional de goberno das comunidades campesinas”.

 Ver Resumo da Conferencia de DE FÉLIX RODRIGO MORA EN CAPDESASO.. VÍDEO: “NATURALEZA, RURALIDAD, CIVILIZACIÓN”. VÍDEO COMPLETO.

Ver outros arquivos audiovisuais de Félix Rodrigo Mora.

Non ás fumigacións no eucalipto

Está previsto fumigar todos os eucaliptais de Galicia cun insecticida tóxico para as abellas que estará prohibido na UE a partir do 1 de agosto de 2012.

Sospéitase que tras este plan está o interese por vender un enorme stock do insecticida Flufenoxuron antes de que entre en vigor a súa prohibición. Aos pequenos propietarios de plantacións ofréceselles a fumigación gratuita e animáseos a solicitar a fumigación aérea, que loxicamente afectará a un área moito máis grande dada a natureza imprecisa deste tipo de técnicas.

Debemos mobilizarnos para salvar as abellas e o resto do ecosistema galego. ¡Nin unha pinga deste veneno debe caer sobre os montes galegos!

Apóianos!!!

ORDE do 27 de decembro 2011 (Axudas á Silvicultura)

A Consellería de Medio Rural publicou a ORDE do 27 de decembro de 2011 pola que establecen as bases reguladoras das axudas para o fomento da silvicultura en bosques no medio rural, en concorrencia competitiva, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do PDR de Galicia 2007-2013, e se convocan para o ano 2012.

Entre o 7 de xaneiro e o 6 de febreiro de 2012 estará aberto o prazo para solicitar as axudas para o fomento da silvicultura en bosques no medio rural.

Actuacións obxecto de axuda

  • Rareos en masas de coníferas con diámetro normal medio da masa inferior a 12 cm.
  • Rozas previas ás podas, e podas en masas de coníferas.
  • Tratamentos silvícolas en masas de frondosas caducifolias, sobreiras e aciñeiras con diámetro normal medio da masa comprendido entre os 10 e os 20 cm (consideraranse como tales aquelas cun mínimo dun 80% de superficie ocupada por frondosas caducifolias, sobreiras e aciñeiras e cunha densidade mínima destas de 400 pés/ha).

Ver aquí a Orde da convocatoria.

Ver un resumo máis ampliado das axudas na web da Asociación Forestal de Galicia (AFG)

Propostas para a Comunidade de Montes de Guillade (2012)

Recollido no blog: http://montesdeguillade.blogaliza.org

Agora que imos ter un relevo na Xunta Rectora da Comunidade de Montes de Guillade pode ser un bo momento para presentar novas ideas e propostas en relación coas tarefas pendentes e as prioridades de actuación no futuro máis próximo, e que poidan ser valoradas pola Asemblea e a nova Xunta Rectora. Así que aquí queda unha lista de suxestións aberta para que poidades seguir ampliando nos comentarios do blog.

1. Máxima transparencia e circulación da información (condición básica para garantir un funcionamento democrático):  a única canle oficial de comunicación cos comuneiros/as a día de hoxe prodúcese na Asemblea, pero recibir información unha vez ao ano non parece suficiente a día de hoxe. Dada a maior relevancia de internet, proponse a publicación dun blog oficial da C. de Montes, onde se trasladen as noticias de coñecemento público que se produzan de interese para o monte. Tamén se pide que os comuneiros/as que dispoñan de e-mail o fagan saber, tanto para remitirlles información de interese como para servir de vía de notificación das asembleas que se convoquen (e así aforrar traballo e cartos). En relación con este punto tamén se propón que cada candidatura que se presente ás novas eleccións debe ter un mínimo programa de prioridades e presentalo na Asemblea no turno que se lle adxudique, previamente ás votacións de elección.

2. Non está de máis lembrar que conforme aos estatutos é a Asemblea quen toma as decisións, previo debate e posta en común, e non o Presidente ou a Xunta Rectora. Débese buscar o modo de incentivar o debate, de xeito ordenado, na Asemblea, e non ofrecer as propostas feitas.

3. Ter en conta pero non sobrevalorar a dimensión económica do comunal, e compensala coa dimensión ecolóxica e recreativa e de lecer. Ter unha visión a medio e longo prazo, pensando no futuro do monte, no que imos deixar aos nosos fillos e fillas, e non só pensar na obtención de rendementos no curto prazo. Noutras palabras, pensar nunha liña de desenvolvemento sostible (que se poida soster no tempo)  para o monte.

4.  Medidas de prevención de incendios: Coidar as plantacións existentes: piñeiros, carballos e castiñeiros, eliminar eucaliptos, ampliar cortalumes…

5. Resolver o asunto xudicial da nave de Albelle (recurrir a un novo avogado parece a única vía a seguir) e negociar co inquilino dos helicópteros, atender aos asuntos das extremas con Oliveira e Cumiar.

6.     Valorar a posibilidade de novas plantacións con árbores caducifolias en Albelle na zona onde se cortaron os piñeiros, e tamén na zona da Coalleira (depósitos da auga).

7. Se aceptamos que a escasa ou nula implicación dos comuneiros/as en tarefas de coidado do monte é o maior problema ao que se enfronta a comunidade de montes hoxe en día, e se queremos que todas as tarefas de xestión do monte non recaian só no Presidente ou a Xunta Rectora, debemos buscar camiños para implicar a todo aquel comuneiro/a que se ofreza voluntario, e especialmente aos máis novos da parroquia. Unha canle pode ser a creación de diversas comisións xestoras, encargadas de supervisar zonas con plantacións ou calquera outro labor que se presente e propoñer ideas para a súa mellora. Estas persoas serían as “responsables” de que a zona asignada estivese nas mellores condicións posibles, presentando propostas á Xunta Rectora ou actuando na medida das súas posibilidades. Ao final de ano deberían expoñer o seu labor na Asemblea. A modo de exemplo poderíanse crear as seguintes comisións xestoras:

– Comisión xestora de supervisión da plantación de castiñeiro e carballo en Rebordiños, contra o linde de Uma (4 ha)

– Comisión xestora de supervisión da plantación de castiñeiro na zona do Coto dos Santos (2 ha)

– Comisión xestora de supervisión da plantación de roble americano na presa de Muíños, no linde con Guillade de Arriba (1 ha)

– Comisión xestora da supervisión da plantación de piñeiro enfronte ao heliporto (4 ha)

– Comisión xestora da creación de novas plantacións de caducifolias: na zona de Albelle e na Coalleira.

– Comisión xestora do coidado das 30 has de piñeiro entre a zona do Coto da Pedreira e o Coto dos Santos.

– Comisión xestora da supervisión da eliminación de eucalipto en toda a extensión do monte comunal.

– Comisión xestora de prevención de incendios: cortalumes limpos, puntos de auga…

8.  Crear unha comisión xestora que busque novas ideas e propostas para o aproveitamento do monte, podendo comezar por realizar unha enquisa entre os comuneiros/as (fóra do lugar da Asemblea, pois só asisten a ela normalmente un tercio dos comuneiros/as) para fomentar novas propostas e facelos conscientes das súas responsabilidades. Pódese partir asemesmo da experiencia doutras Comunidades de Montes, como a C.M. de Mouriscados (experiencias con caducifolias, abellas, porcos…) ou a de Uma.

9. Unha proposta para a tesourería é que se faga unha imposición a prazo fixo, por prazo anual ou semestral, do saldo contable, en lugar de telo en conta corrente, pois achegaríanse uns ingresos non desprezables.