
Co inicio do ano 1940, a policía devólvelle ao SERE a documentaçión, e a súa actividade reanúdase baixo a dirección dun Alejandro Viana que desborda ilusión. “Debemos asegurar a entrada nos campos de concentración dos nosos representantes para poder de viva voz, levar ao ánimo dos alí albergados o interese vivísimo que o SERE ten en atendelos, dentro das súas limitadas posibilidades, facer o censo profesional de todos, para poder xestionar a súa colocación en fábricas, talleres ou en traballos agrícolas, mellorar o seu estado sanitario e nunha palabra, darlles a calor de irmáns da que tan necesitados están.” Viana quere enfrontar tamén os problemas que afectan á organización de expedicións colectivas. “As dificultades que os embarques nos presentan son innumerábeis, maiores cada día. A emigración fíxose sempre con precipitación. En efecto, hai erros, moitos erros na nosa organización, máis pola actuación dos partidos políticos que a integran que pola organización mesma, porque aqueles, co desexo plausíbel de evacuar ao maior número posíbel de afiliados, empéñanse en que as listas para embarque non se pechen, como debería facerse, dez días antes da data de saída do vapor. Pero irase corrixindo e, como son un home tenaz, espero que a próxima expedición se fará, non só como desexan as autoridades francesas, senón como o desexamos cantos temos concepto da responsabilidade no cargo que desempeñamos.”
ROBERTO MERA COVAS