
A vispra tiña ido con meu pai a despedirme da aboa de Guillade e da tia Hermosinda. Xantamos con elas e voltamos polo atallo. A media tarde fún con miña nai a despedirme da familia de Valiños. O ambente familiar estaba moi atristurado. Eran duas familias incomunicadas no tratamento entre sí. Era un lazo sinxelo que se rompía coa miña marcha. Nín a miña nai foi à Cruz de Balado. Nín meu pai foi a Valiños. Para mín eran tódolos aloumiños e agasallos, con desimuladas mostras de amerceamento. Chegada a hora do serán, celebramos unha merenda coa veciñanza e a rapaciada da Parroquia. A madriña, puxo pernil en lascas e duas broas de pán recheas de chourizos. Duas grandes fontes de leite fritida, puxeron postre farturento à miña despedida. O remate chegou Dn. Manoel, un fidalgo descendente da Casa das Barreiras, que se adicaba a facer cupos e partillas de bens. El foi o meu mestre, perante os dous derradeiros anos en Vilacoba. Con el adeprendín ata un nivel de ensino bastante alto, cando moi poucas persoas na Parroquia –e ainda na Bisbarra– coñecían as letras. Tamén me deu clases de latín, un crego que se chamaba Dn. Xosé ou Dn. Manoel, de mal nome, O Furado. Aquela noite adormecín moi tarde, na escoita –dende o leito– da conversa entre meus pais, tan respetuosa como vouga de amor. Tiñame decatado, que dormiran separados toda a semán que meu pai pasou na casa. Neses dias sairan xuntos, a Salvaterra e a Pontareas, para arranxar os meus documentos e outros papeis, no escribano da Vila. A mañán presentouse gorentosa, e tódolos da casa estabamos a pé a primeira hora no mencer. Asomou o sol pola ladeira norte do Sán do Medio, espallando a sua luzada polas agostadas terras sequeiras, e polos mestos milleirais dos fundos, nas marxes do Rio Uma. Os paxariños entolecidos na sua festa da mañan polos eidos do Barrio. Un pisquiño puña a nota tristeira, piando na baranda da solaina. Maceo, un Sán Bernardo, que sempre fora o meu compañeiro e guardián, nos desprazamentos pola Parroquia adiante, mostrábase lacazán e magoado, con bagoas nos ollos coma unha persoa de bôs sentimentos.
FELISA DE VILACOBA