
Contan que a expedición a Canárias co gallo do Corpus da Orotava foi todo un éxito. O número máis comentado ven sendo o de unha romaria na que os concurrentes teñen que ir vestidos cun traxe tipico rexional. Na seguridade de que o alcalde e máis os concellais Zúñiga Antón, Gallego Alvarez, Giráldez Bóo e Cuevas Rivero, lucirian o traxe de gaiteiro co debido garbo e prestanza, estamos á espera de que, como noutras ocasións se pase o correspondente vídeo. Tamén o éxito (do pase) está asegurado. Para estes actos de fraternidade coa Orotava, nunha “Permanente” anterior á viaxe, acordouse librar médio millón de pesetas, do que unha parte vai adicada aos gastos do alcalde, de catro concellais e do cura párroco (a razón de 40.000 ptas. por barba). Hainos con sorte, non ben acaban de paga-lo recárrego municipal do I.R.P.F. , e tócalles unha excursiónciña a Canarias. Deberian institucionalizar unha campaña de algo asi como “Pague os impostos municipais, para axudar a viaxar a Canárias”. Entre tanto os funcionários municipais, hoxe (día 10) ainda non cobraron. Pero, que ganas de liar as cousas! Que ten que ver unha cousa coa outra? Non temos para pan e… Juan Pueblo paga. E xa para rematar, polo de agora, co tema, convén que os expedicionários se aclaren, uns din que soltaron as 40.000 e outros que o fixéron por 15.000.
PUBLICADO EM “A PENEIRA” (ANO I – 1984)