
Aló nun pobo de equí, chamado Meigarallás, había unha muller que tiña dúas fillas. Cando xa eran mozas, casou a máis vella con un herdeiro do pobo inmediato, chamado Labracengos. Dalí a pouco tempo, empezou a correr un rumor de que a mai i a filla solteira se dedicaban a facer bruxerías. A filla que estaba casada foi un día a velas para aconsellalas que non deran que falar á xente e que deixasen de facer bruxerías. Elas negaron todo, e decían que endexamais se lles pasara pola imaxinación de facer tal cousa; pero a filla non se fiou gran cousa, e pra sabelo de certo, fixo que lle daba o sono e deitouse nun banco que había tras do lume. Cando a mai i a filla pensaron que durmía, empezaron a comentar o asunto. E dixo a mai: –Pois cala, que mas ha de pagar. Hei de ir en forma de tábao cando o home ande arando cos bois e heillos de facer remoscar a ver si se lle desgracia un. —¡O caso é se a matan! —díxolle a filla solteira. —¡Que va! Menos de que me dían con un ramallo de loureiro bendito, non me poden facer nada, i eso non o van levar pra arada… A filla que se facía a dormida, tomou boa conta do que oía. Ao día siguiente, foise pra casa e, cando chegou, atopou ao home xungindo os bois no patio. —¿E logo? ¿Pra onde vas cos bois, Antón? —díxolle ela. —Vou arar ao leiro do lameiro. —Boeno, pois eu vou ir contigo. ¿I a que has de vir si os bois andan ben? —Boeno. Inda que anden, eu vou e nada máis. Ela colleu o ramiño de loureiro bendito e meteuno debaixo do mantelo; e ambos os dous marcharon pra o leiro. Serían as dez da mañán cando aparece un tábao grandísimo picando nos bois. Ela empezou a paus, pero o tábao seguía, hasta que logo, vai ela e saca de debaixo do mantelo o ramalliño de loureiro bendito. E, dándolle con il, marchou con unha pata rota o tábao. Desde aquela mesmo, os bois seguiron arando tranquilamente, hasta que acabaron. Esí que acabaron, fóronse pra casa, e, según chegaron, sentiron tocar a difunto en Meigarallás. Todos quen sería, quen non sería, hasta que dixo a muller: —Seguramente foi miña mai. —¿E logo? ¿Estaba mala, ou? —dixo o home. —Non, pero pasou esto. Contoulle o ocurrido, e logo foron aló, e, efectivamente, fora a misma.
CENTRO DE ESTUDIOS FINGOY, 1972 (2ª ED.): CONTOS POPULARES DA PROVINCIA DE LUGO, ED. GALAXIA, VIGO. GALICIA DE CONTO (HÉRCULES DE EDICIONES)