
Viana tampouco quere que o seu persoal alimente pugnas e rivalidades coa “JARE” de Prieto. O delegado do campo de Carcassone quéixase porque persoas vencelladas á “JARE”, reparten entre os refuxiados roupa do “SERE” borrando das prendas o nome do Servicio de Evacuación, mentres os cuáqueros distribúen o mesmo material sen aclarar que é do “SERE”. Viana desdeña esas liortas partidarias e os afáns de protagonismo e coloca a súa ética e compromiso humanitario por diante. Non temos interese en que na roupa adquirida por nós e que reparte o Comité Británico se faga constar nada que se refira ao “SERE”. Foi repartida por eles para evitar as críticas e que os malintencionados puideran dicir que atendiamos exclusivamente aqueles refuxiados partidarios do “SERE”. Nada me importa do ocorrido. Cumprimos o noso deber. Se alguén quixo facer deste acto humanitario baixa política nós non descenderemos nunca a este terreo, pero o comité internacional debe estar moi molesto porque, hai uns días, un dos seus membros me ofreceu espontaneamente unha carta na que se fai constar que para a adquisición desa roupa o “SERE” contribuira con cinco millóns de francos.
ROBERTO MERA COVAS