
DENDE A ARMÓRICA
Teño de te prisar no meu feixe de luz,
atal que a min agora prisa o faro de Ermülhk…
.
Quero que sexas ti o que eu xa non hei ser:
lume na noite, estrela no mencer,
.
ave no ermo, canto no mar maior,
singular mareante por todo inmenso amor.
.
Teimo de te anegar co meu piago de luz,
atal que a min anega o outo faro de Ermülhk…
.
Quero que leves ti o que eu xa n’hei levar:
alboradas no peito e nos ollos luar;
.
no estrano esprito alceso ilusión de ilusións,
e o corazón deitando celme de corazóns.
.
Ah, sí! Hate apañar miña fouce de luz,
atal que a min agora a do faro de Ermülhk.
.
Quero que ti conquiras o que eu n’hei conquerir:
polo enxamio dos astros a patria do porvir,
.
miña Galiza chea, comprida, sideral…
Un praneta senlleiro, todo limpo de mal!
FERMÍN BOUZA BREI