
Días antes do embarque do Winnipeg o exilio político vive un dos seus máis tristes episódios. Durante a Guerra Civil xestárase unha inimizade irreconciliábel entre os líderes socialistas Juan Negrín e Indalecio Prieto, que derivara nunha profunda división do socialismo en negrinistas e prietistas. Mentres Negrín constituía em Francia o SERE, Prieto, de forma casual, apropiárase en México do cargamento do iate Vita, que contiña a maior parte dos fondos salvados polo Goberno republicano. Negrín reclama a súa devolución, Prieto négase e cuestiona directamente a lexitimidade democrática do Goberno. Para el, esa lexitimidade só a ostentan as Cortes, a través da Deputación Permanente, quen a finais de xullo se autoproclama única representación da República, declara inexistente o Goberno de Negrín e constitúe a Junta de Auxílio a los Republicanos Españoles (JARE) para xestionar o patrimonio do Vita. A fractura no exilio político e a súa repercusión no labor humanitario e de axuda aos refuxiados é definitiva e irreversíbel. A partir deste intre o exilio contará con dous poderes enfrontados, a Deputación Permanente e o Goberno de Juan Negrín, e con dúas organizacións de carácter humanitario, o SERE e a JARE. Aínda que Izquierda Republicana e o seu presidente Azaña se sitúan do lado de Prieto e se integran na JARE, Alejandro Viana desmárcase do seu partido e mantense fiel ao SERE e a Negrín. Co presidente do Goberno están moitos outros correlixionarios, deputados e ministros do partido de Viana, como Osorio Tafall ou Méndez Aspe. Todos eles serán en adiante tachados de disidentes. As consecuencias da ruptura son desastrosas. Estendense as inimizades persoais irreconciliábeis e cunden a desmoralización e a indignación entre os refuxiados, que ven como, en ocasións, a axuda humanitaria se usa para xerar lealdades e afondar na división. Ademais, o labor humanitario dispérsase e o exilio perde credibilidade diante da comunidade internacional como alternativa ao Goberno de Franco. Para o SERE a perda dos recursos do Vita supón un duro golpe económico. Catro meses de intensa actividade mermaran considerabelmente a súa capacidade económica. Para Franco, a confrontación, aínda que o favorecía politicamente, supuña unha nova preocupación: que todos os fondos sacados de España se situasen en México, onde o réxime franquista perdería calquera posibilidade de recuperación.
ROBERTO MERA COVAS