
Ademais de acudir persoalmente a todos os embarques, Viana tamén viaxa por Francia nun Buick para coñecer a situación dos refuxiados e ofrecerlles a posibilidade de emigrar. En xullo visita Pommiers, preto de Burdeos. Alí atópase con Mara dels Ángels Crespo, a quen coñecera en Barcelona na casa de Enriqueta Puig. Viana ofrécelles a ela e á súa familia a posibilidade de embarcar nunha nova expedición a Chile, pero declinan o convite. Precisamente, poucos días despois, a comezos de agosto, Viana atópase no porto de Trompeloup, en Pauillac, preto de Burdeos, para organizar e supervisar a saída de 2.365 refuxiados con rumbo a Chile. Con el está Pablo Neruda. O escritor atópase en Francia dende abril como cónsul especial do presidente de Chile, Pedro Aguirre. A expedición organízaa o Goberno chileno, que selecciona os viaxeiros, mentres o SERE se fai cargo dos tres millóns de francos que custa a viaxe. Para Neruda trátase da máis nobre misión que exerceu na súa vida. No peirao de Trompeloup está atracado o “Winnipeg”, un vello cargueiro francés descrito polo poeta chileno como un fermoso barco vello coa dignidade que dan os sete mares ao longo do tempo. Como o buque non está concibido para o transporte de viaxeiros, as súas adegas son baleiradas para facer sitio a 2.500 liteiras para refuxiados e tripulación. Na véspera da partida, numerosos trens e camións repletos de exiliados -a maioría saídos dos campos de concentración- chegan ao porto. Polas xanelas axitan as mans e os panos saudando con emoción desbordada os que xa se atopan no peirao. Entre bágoas e berros, moitos celebran o reencontro coas súas parellas e familiares logo de meses de incerta separación. Neruda e Viana ocupan unha oficina de inscrición dos refuxiados para realizar os trámites de embarque, nos que o chileno ten a derradeira palabra. Ao porto tamén se achegan refuxiados, como o anarquista Solano Palacio, que non fora seleccionado e que, con amargura, lles reprocha a súa negativa a permitirlle o embarque. O señor Neruda apela a todos os medios por innobres e desleais que sexan para rexeitar o maior número de anarquistas, embarcando comunistas no seu lugar. Nalgunhas dependências do barracón están instaladas as oficinas do SERE, a cuxas xanelas acude unha enorme multitude de persoas de ambos sexos. Provisto da tarxeta e da ficha preséntome nas oficinas consulares do SERE, estabelecidas nun extremo do mencionado barracón. O señor Viana, representante do SERE, rexeita a miña ficha. É pouco unha tarxeta, non veño avalado polo SERE e, ademais, iso é o máis grave, pertenzo á CNT, quizais á FAI, que xa é motivo dabondo para ser rexeitado por todos os organismos oficiais, aínda que a CNT e a FAI colaboren con eles para darlles forza moral e material. Pero Viana nunca aceptará que se cuestione a súa independencia e imparcialidade. No meu posto son apolítico e actúo cunha rectitude e obxectividade que poderá ser igualada mais non superada. Finalmente, malia non ser autorizado, Solano logra embarcar como polizón.

ROBERTO MERA COVAS