
O obxectivo do SERE e de Viana é trasladar a América uns 20.000 refuxiados até o mes de xullo, con saídas semanais. A organización dos fretes para as expedicións colectivas é especialmente complexa. Ademais da contrataçión coas compañías navieiras, Viana debe enviar ás delegacións do SERE a documentación visada polo país de destino dos refuxiados internados en campos de concentración que foron seleccionados para o embarque. Os delegados teñen que presentalas perante o prefecto do Departamento para obter o visa de saída de Francia e os billetes de ferrocarril de balde para viaxar até o porto. Alí deben chegar os refuxiados vintecatro horas antes de levantar áncora. Ao mesmo tempo, o SERE entrégalle a cada evacuado un equipo de roupa exterior e outro interior. Esa entrega faise a través da Commission Internationale d’Aide aux Enfants Refugies d’Espagne, organizada no grupo relixioso e filantrópico American Friend Service Committe, tamén coñecido como Comité Británico ou os cuáqueros. Sacar os refuxiados dos campos de concentración para embarcalos nas expediçións colectivas tampouco é tarefa doada. Os censos non son completos, xa que o traslado de internos entre campos é inevitábel e en ocasións saen por outros motivos. Viana non quere que ninguén perda a oportunidade de refacer a súa vida por causa da burocracia. ”É fundamental que ningún dos comprendidos no embarque deixe de saír do campo por falta de dilixência que poida ser atribuida ao SERE. Como cada día trasladan os nosos emigrados dun a outro campo e pode suceder que, durante a preparación dos seus documentos, os dalgúns campos sexan trasladados a outros situados dentro dese mesmo departamento, é interesante e necesario vixiar que cando algún que figura na folla de filiación como residente no campo X non apareza, se lle faga chamar nos outros campos para poder situalo. Do contrario, moitos destes coitados poden perder a ocasión de emigrar.” En abril e nos primeiros días de maio organízanse algunhas pequenas espedicións para varios centos de exiliados. A do Sinaía, con case 1.700 refuxiados, é a primeira expedición colectiva de importancia que se dirixe cara a México a finais dese mes, O SERE asume unha cuarta parte do seu custo, e o resto é sufragado polo National Joint Committee for Spanish Relief, que preside a duquesa de Atholl, Katharine Stewart-Murray. Esta organizaçón de axuda británica tamén aboaba a metade das pasaxes individuais de refuxiados a países como Paraguai ou Nicaragua en barcos de liñas regulares. Alejandro Viana acode persoalmente ao embarque do Sinaía para verificar as listaxes e supervisar o acceso ao buque. Moi de preto ségueno os servizos de informaçión franquista, funcionarios diplomáticos e axentes secretos que se presentan no peirao realizando seguimentos. O cónsul franquista informa con detalle á embaixada española. ”Notouse en Sète unha grande afluencia de personaxes rojos com magníficos automóbiles de matrícula española, e ás oito, en tren, chegaban os 1.860 refuxiados que embarcarom. Vimos atracados ao seu costado varios camións dos dedicados ao servizo dos campos de concentración franceses e que pertenceron aos Servicios de Aeronáutica de Barcelona. Na mañá de hoxe chegou un destrutor francés que amarrou preto do “Sinaía”. Durante toda a mañá houbo gran movemento de embarque. Ás once, e escoltado polo destrutor, fíxose á mar. Foi imposíbel pola premura de tempo coñecer a relaçón nominal dos refuxiados nin impedir a saída do buque antes de efectuar un rexistro.
ROBERTO MERA COVAS