
Chulas ou fritos, son denominacións xenéricas para unhas bólas de masa, recheas ou non, que poden levar ingredientes e recheos completamente diferentes segundo as distintas zonas xeográficas e mesmo segundo o costume de cada casa. De aí que existan varias versións, ben salgadas – que aproveitan restos de carne, de peixe, de verdura…-, ben azucradas – con froita, por exemplo -, rebozadas en fariña ou, como na receita que agora describimos, as que son pura masa.
INGREDIENTES:
Un cuarto litro de leite. Un ou dous ovos. Sal. Un chisco de lévedo. Fariña. Aceite. Azucre.
RECEITA:
Bátense os ovos e mestúranse co leite, a fariña, o sal e o lévedo, sen deixar de remover ata que conformen unha pasta uniforme, nin dura nin branda, que se deixa repousar uns dez minutos. Mentres tanto vaise quentando abundante aceite e, cando alcance unha alta temperatura, vanse tomando culleradas (cun cullerón sopeiro) do recipiente e botándoas na tixola, onde en seguida burbullarán. Pódense botar varias culleradas, con coidado de respectar certo espacio para cada unha e que non se peguen mentres se friten. Cando alcanzan unha cor dourada, sácanse coa escumadeira e vanse colocando sobre un papel absorbente nunha fonte. Nese momento é cando se lles bota o azucre. Logo sérvense noutra fonte limpa.
HÉRCULES DE EDICIONES S. A. (GALICIA PARA COMELA I)
