Categorías
Arquivo
- Agricultura Alimentación Anonymous Arquitectura Astronomía Blogs para curiosear Bos desexos Cerebro Cine Darío e Breixo Economía Educación Frutais Futuro Historia Humor Indignados Libros Lingua Literatura Medios de comunicación Monte Comunal Natureza Poesía Política Procomún Publicidade Sidra Socioloxía Software libre Tradicións Viaxes Xadrez
Arquivos diarios: 05/05/2017
SOBE COMIGO, CANGALLEIRO, SOBE
comigo á cúpula do palacete
deste Centro Galego de Lisboa.
Agora que xa estás aquí mira mellor
a qué considerábel distancia está o mar…
pois verás de que se trata, voucho dicir, meu caro Cangalleiro.
E non te atrevas a escorar a testa
cara ao lado esquerdo, cal se estiveras canso,
nin abras tan sequera os teus brazos en cruz
como se foras xa un Cristo definitivo.
Neste intre estamos con Prometeo. Neste intre
simula que lle roubaches o fogo aos deuses…
con ese ollo ciclópeo (por único) que eles che desviaron
cara ao seu debido sitio.
E neste polígono baixo teito ireite atar, se ti me deixas,
a unha destas columnas de mármore!
Cando eu me esconda tras a porta
pola que entramos ti vas facer o que eu che diga,
aquí en solitario.
E esquecerás o problema que teis na perna esquerda.
Primeiro
vaslle dar pois sete machicadelas a este chicle de menta que che ofrezo
Acto seguido escupiralo con furor por enriba
da baranda e entón dirás este refrán:
até xaneiro aínda pasa a ovella o regueiro,
a partir de xaneiro nin ovella nin carneiro.
Despois mirarás moi fixamente pra o mar…
E entón nun intre calquera verás moi nítidos os peixes
nadar por debaixo da auga… dígocho eu!
Así se fixo. Eu escondinme. El quedouse só
facendo o que lle ordenei. Dentro dun pouco eu
voltei entrar e pregunteille:
– víchelos?
– Eran fanecas, vinas perfeitamente.
– multiplicáchelas?
– Non me deu tempo, non me deu tempo.
E entre o terror e a gracia repetía:
non me deu tempo,
non me deu tempo.
francisco candeira
Publicado en Uncategorized


