
Catro orfos que andaban a pedir por portas botáranse a descansar na beira dun camiño, cando pasou unha muller que lles dixo: -Eu non teño pan que darvos, mais tomade este prato de ouro. Se o brillades ben todas as noites havos defender na vida. Os nenos déronlle as gracias e seguiron camiño. Á tardiña foron pedir pousada nunha casa onde moraban dous vellos que os puxeron a cear con eles e despois acomodáronos no faio. Alá polo medio da noite a vella sentíu que os nenos estaban a brillar no prato de ouro, e foillo contar ao home. E el díxolle: -Vai roxar o forno, que habemos meter os pícaros dentro e facernos con ese prato. Mais os nenos, que estaban a escoitar, saíron da casa ás carreiras perseguidos polos vellos, e non pararon ata chegar a un río. E vendo que non tiña paso, puxéronse a brillar no prato dicindo: -¡Platito, platito, por ben brillar axúdanos a pasar! E do prato comezaron a saír outros que se puxeron sobre da auga facendo unha ponte pola que pasaron os nenos. E cando foron pasar os vellos, os pratos desapareceron, e eles afogaron.
PISÓN, X. ; LOURENZO, M. ; E FERREIRA, I, 1998: CONTOS DO VALADOURO, EDICIÓNS A NOSA TERRA, VIGO.