Os lectores de xornais

Se digo a verdade  (Artigo de Teresa Moure no Blog “Sermos Galiza”)


Teresa Moure
Grupo Promotor de Sermos Galiza

Se digo a verdade, nunca fun lectora de xornais. Sempre pensei que roubaban un tempo precioso para ler. Ensaios profundos e creativos fican sen público, mentres cada día se vende un xornalismo superficial, ás veces tópico. Non resulta politicamente correcto declaralo, xa o sei, mais non me interesa cultivar ningunha das formas da hipocrisía. Por riba, sempre pensei que os xornais ían dirixidos a un tipo de individuo que non tiña nada a ver comigo; máis claro, que os xornais estaban deseñados para os homes ou, mellor, para un tipo específico de home que quere estar ao día; iso si, só de determinados asuntos. Nin os seus sucesos, nin os seus deportes, nin a súa sección de contactos, nada se salvaba. Outras mulleres téñenme comentado que partillaban comigo esa mesma percepción de entraren en territorio hostil ao pasaren as páxinas. Nin a estatalista división entre “internacional” e “nacional”, nin a sección de cultura onde aparecen comentadas as series de televisión, nin os horóscopos. Sen arrogancia ningunha, mais sen complexos, sempre considerei que non ían comigo. Nun mundo de falsas aparencias, onde se rende pleitesía aos famosos, que o son porque se fala deles, aínda que sexa mal, fronte ao calado traballo de tantas persoas abnegadas que nunca teñen voz, non é para acreditar no que digan os xornais. Nun mundo onde cadaquén sabe que é noticia o que lle interesa ao poder que sexa noticia, e que deixa de ser relevante un conflito cando alguén intereseiramente así o decide, non é para poñerse a soñar que estamos informad@s por lermos un xornal. Nin cinco. Cada un coas súas mentiras, iso sempre pensei. Cando era nena, miña nai díxome que era unha trapallada todo o que saía na televisión, que nin os deterxentes lavaban máis branco por pagaren publicidade televisiva, nin o chuca-cao era máis nutritivo porque o dixesen no anuncio. Desde aquela detesto a publicidade, a venda consentida de mentiras, iso que se chama a creación da opinión. Xa se decatará quen isto lea que para min non foi doado sumarme ao carro de Sermos Galiza.  (…)  Ver o artigo completo no blog de Sermos Galiza.

Deixar un comentario