
A INFÂMIA DOS CAMPOS DE CONCENTRAÇÓN FRANCESES
No medio desta desolación, unha pequena parte de desprazados, entre eles Alejandro Viana e os seus amigos, evitan o internamento, un privilexio ao alcance unicamente daqueles que acreditan dispor de recursos suficientes ou contan co aval de parentes e amigos residentes en Francia e se comprometen a non solicitar ningunha axuda das institucións públicas do país. As reaccións da sociedade francesa diante do éxodo e do internamento dos refuxiados son enfrontadas: unha parte reacciona con receo diante dos “rojos”, españois e protesta polo que consideran un sacrificio imposto aos habitantes das zonas nas que se sitúan os campos. Pero tamén xorden voces que denuncian as condicións degradantes nos campos de concentración e a morte de moitos refuxiados. Conmovidos polo sufrimento dos exiliados, moitos franceses organízanse en comités de axuda para facerlles chegar roupa, comida e outros medios imprescindíbeis para a vida diaria. Tras a caída de Catalunya a guerra aínda continúa. O 10 de febreiro Negrín regresa en avión a Alicante e pídelle a Azaña que volva a España. Porén, Azaña presenta a súa dimisión como xefe de Estado: a súa saúde, a imposibilidade de lograr a paz e a falta de recoñecemento internacional lévano a tomar esa decisión. A Presidencia da República asúmea Martínez Barrio, pero a descomposición do réxime republicano é tal que en Madrid se producen enfrontamentos entre os partidarios e detractores da rendición. Os Gobernos francés e inglés recoñecen oficialmente o Goberno franquista de Burgos o 27 de febreiro de 1939. Negrín declara que a guerra non rematou, pero os acontecementos de Madrid, que os seguidores do presidente consideran un golpe de Estado, poñen fin á resistencia e facilitan a entrada de Franco na capital o 29 de marzo. Dous días despois, a Deputación Permanente das Cortes, reunida en París, será o escenario dun enfrontamento entre Negrín e unha parte das forzas políticas republicanas que marcará o futuro do exilio. Discútese sobre a lexitimidade dunha Deputación Permanente e dun Goberno que paradoxalmente carecen de territorio e de persoas sobre as que exercer as súas potestades. Ao día seguinte, o 1 de abril de 1939, ao mesmo tempo que Franco declara o final da guerra, Negrín constitúe en París o Servicio de Evacuación de Refugiados Españoles (SERE), aproveitando un certo grao de recoñecemento e tolerancia por parte das autoridades francesas, a pesar das presións e protestas do réxime de Franco. Antes de rematar a guerra, o executivo de Juan Negrín xa instalara virtualmente en Francia un entramado básico de institucións republicanas. A masa de refuxiados, cifrada a comezos de abril en 450.000 persoas, e o problema humanitario que representa é o primeiro e o máis grave reto que o Goberno republicano ten que abordar. Atender e dar amparo aos exiliados que serviran a II República durante a guerra é unha obriga, ademais de humanitaria, moral.
ROBERTO MERA COVAS