A ESCOLA DA SEGUNDA REPÚBLICA (TEMPOS DE ILUSIÓN E DE ESPERANZA)

.

               A escola experimentou un profundo cambio, coa chegada da Segunda República, pois puxeronse en práctica principios avanzados como a obrigatoriedade e a gratuidade do ensino primario ata os doce anos, a liberdade de cátedra, a coeducación, o laicismo escolar, a democratización das institucións educativas e a construción de novas escolas. Segundo o art. 48 da Constitución de 1931 o servizo de cultura era “una atribución esencial del Estado, y lo prestará mediante instituciones educativas enlazadas por el sistema de escuela unificada”.  A República fixo un grande esforzo por ampliar a escolarización, creando novas escolas e contratando mestres e mestras en condicións laborais dignas.  Para elo púxeron en marcha o Plan Quinquenal de creación de 27.151 novas escolas.  A educación definíase como activa e social, e ocupábase tamén das persoas adultas.  As Misións Pedagóxicas chegaban ás aldeas.  Os Institutos Obreiros puñanse á disposición do ensino secundario.  Todo o profesorado recibiría  unha renumeracíon similar, como consequencia da escola única ou “unificada”.  Nos artigos dedicados á educación na Constitución Republicana de 1931 é palpable a pegada da pedagoxía da Institución Libre de Enseñanza, de figuras como a de Lorenzo Luzuriaga e das asociacións de maxisterio.  Estes cambios xeraron un profundo rexeitamento entre os grupos sociais mais reaccionarios.  O 14 de abril de 1931, cando quedou proclamada a Segunda República, era día de feira en Ponteareas, un martes para a historia.  En “O Condado na IIª República (1999), Francisco Candeira Mosquera – historiador e exalcalde de Ponteareas que nos acompanhou nos referidos Actos da Memoria Histórica -, analiza en profundidade aquelas datas.  Ao día seguinte da proclamación da República, o novo alcalde, Emilio Garra Castellanzuelo, anunciaba a boa nova.  Baixo os compases de “A Marsellesa”,a banda de música ponteareá xunguíase aos acontecimentos.  Na zona do Condado-Paradanta, durante o primeiro bienio azañista (1931-1933), na distribución de Bibliotecas do Padroado de Misións Pedagóxicas por localidades, temos rexistrados envíos para as escolas de Angoares, Arbo, Areas, A Cañiza, As Neves, Folgoso, Guláns, Meder, Moreira, Mouriscados, Pesqueiras, Ponteareas ou Taboexa.  En 1934, houbo unha Misión Pedagóxica no Partido Xudicial da Cañiza (A Cañiza, Arbo, Covelo e Crecente).  Baixo a orientación da renovada Inspección, celebráronse Quincenas e Semanas Pedagóxicas e organizáronse os Centros de Colaboración Pedagóxica para combater o illamento do maxisterio.  Á zona do Paradanta chegaban dende Catalunya as Técnicas Freinet co mestre José Benito González Álvarez, que puxo en marcha en 1934  o xornal Faro Infantil cos nenos da súa escola, cuxa difusión chegaba a Ponteareas (Porto Ucha e Vázquez Ramil 2017).  Por estas terras destacou naquel tempo a presenza sindical de mestres comprometidos, como Victor Fraiz Villanueva de A.T.E.V. (Asociación de Traballadores do Ensino de Vigo, mestre de Coia, fusilado en 1937 ou Luis Soto Fernández de A.T.E.O. (Asociación de Traballadores do Ensino de Ourense, con escola en Mondariz Pobo).  A nivel local e asociativo, José Pino Expósito, da Graduada de Ponteareas e Gabino Fernandez Filgueira, da escola de nenos de Guláns, encargábanse respectivamente da presidencia e secretaría da Asociación do Maxistério.  Na Casa do Maestro de Pontevedra, foi nomeado vogal para a nova Sección de Iniciativas (que integraba excursións e misións pedagóxicas; veladas e festas; certames e exposicións, información, propaganda e prensa)  Gonzalo Pardellas Puga, mestre da escola de Arcos.     

anxo serafín porto ucha e raquel vázquez ramil

Deixar un comentario