O ASOCIACIONISMO PARROQUIAL DURANTE O FRANQUISMO: A MUTUA GANDEIRA DE PADRÓNS (1953-1959)
Durante a postguerra, a gandeiría bovina, porcina, ovina e aviar tivo unha grande importancia económica en Ponteareas, num contexto dun alto gráu de auto-consumo familiar. Do gando vacún, especialmente aproveitábase a carne, o leite, o coiro, o esterco para os cultivos e a forza de tiro dos bois e das vacas para carros e arados. Por isso, a constitución de mutuas que protexesen as reses tivo um forte arraigo dende antes da Guerra Civil. Eran formas de colaboración entre gandeiros en interese recíproco, que perviviron, durante o franquismo pola súa utilidade. As Hermandades Sindicales de Labradores y Ganaderos – personificaçión do sindicalismo vertical no campo, pretenderón encadralas, segundo a ideoloxía falanxista de control de calquera manifestación asociativa durante a dictadura. Sen embargo as actas e regulamentos da Mutua Gandeira da parroquia de Padróns nos anos 50 non reflicten o control nacional-sindicalista. Déixannos, en cambio, unha estampa da fortaleza do ancestral asociacionismo parroquial autónomo. As mutuas gandeiras naceron como asociacións voluntarias de propietarios de animais coa finalidade de asegurarse reciprocamente as perdas por accidente, enfermidade ou morte do seu gando. Estaban compostas por un grupo de veciños dunha parroquia ou de varias limitrofes que aceptaban os seus regulamentos e obrigábanse a cumprir cos posibles compromisos económicos e sociais que permitían o correcto funcionamento do seguro. O Seguro Mutuo de Ganados da Parroquia de Padróns, entre os anos 1953 e 1959, soamente aseguraba vacas e bois. Era un organismo autónomo, coa súa xunta directiva renovable anualmente, no que reaparece o vello agrarista republicano e mestre Manuel Piñeiro Groba que, logo de superar as depuracións de rigor, acabou desempenhando un papel activo como socio desta Mutua Gandeira no seo da cal a súa opinión experimentada foi sempre tida en conta.
Sistema de admisión e abandono: A admisión dun novo socio/a na Mutua Gandeira aprobábase na asemblea, previa solicitude do/a interesado/a. Isto conlevaba a determinación dos animais que se aseguraban, que previamente debían pasar por un exame para coñecer as súas condicións sanitarias e para someterse a unha valoración económica en base á cal se establecían as indemnizacións a percibir e a porcentaxe aplicable en caso de prorrateo de gastos. O abandono da Mutua era libre cando así o decidía o/a asociado/a ou por decisión da asemblea en caso de incumprimento grave dos estatutos. Así, en 1958 deuse de baixa a unha asociada por non facer fronte ás obrigas económicas co seguro. Noutros casos é o propio asegurado/a quen decide marchar por desconformidade cos acordos da directiva ou da asemblea. Para acollerse aos beneficios da Mutua en caso de incidencia, os asociados/as estaban suxeitos ás condicións estabelecidas nos estatutos. As principais obrigas eran: -Avisar a Mutua de accidentes ou enfermidades e non actuar por conta propia sen a autorización da directiva. -Permitir a visita da directiva, sempre que fose necesario, para comprobar o estado do gando. -Obter autorización da Mutua para a atención veterinaria. -Obter autorización da Mutua para vender unha res na feira. -Seguir as indicacións da directiva para a xestión e cuidado do gando. -Participar no prorrateo para indemnizacións a outro asociado/a. A Mutua de Padróns contaba cunha directiva composta por un presidente, un secretário, un tesoureiro, – en ocasións un vicepresidente e mesmo un vicesecretário, – e un síndico ou vogal en representación de cada barrio da parroquia onde había asociados. En 1958, nos barrios de Castro, Chán de Gándara, Cortellas, Portela e Seca. Pero tamén había asociados/as da limítrofe parroquia de Fozara. Na directiva nunca había mulleres, pese a que as mulleres tiveran presencía abondo como asociadas. Para manter ao día a valoración económica e as condicións sanitarias dos animais propiedade dos asociados/as, producíanse de maneira periódica revisións e valoracións xerais do estado do gando asegurado. Tendo en conta que a de Padróns é unha parroquia de grande extensión e cunha considerable diseminación do habitat, as inspeccións facíanse sinalando o día e a hora que eran diferentes en cada barrio da aldea. O órgano soberano era a asemblea da Mutua que tiña o poder de adoptar decisións sobre o destino do gando dos asociados, o abono de cantidades a socios/as por perdas nas suas reses, e o prorrateo de cantidades para facer fronte aos pagos. Moi frecuentemente, ante calquera incidencía sanitaria, era obrigada a valoración individual do animal logo da cal se adoptaba unha decisión sobre o seu destino: visita ao veterinario, venda inmediata ou o antes posible sacrifício, curas por parte dos mesmos membros da directiva, procedencia ou non da cobertura da Mutua, dependendo das circunstancias… Non parece que durante este período houbese que satisfacer polo seguro cota fixa ningunha, pero cando unha incidencía no gando asegurado ocasionaba un gasto, os asociados/as estaban obrigados a contribuir cunha cantidade proporcional ao número ou valor tasado dos seus animais. Así, en 1956 acordouse facer un reparto de 3.000 pts. entre os asociados/as pola perda do becerro dun socio e o costo de varias visitas ao veterinario mais medicamentos. O incumprimento da normativa ou dos acordos da asemblea, tanto para os asociados/as en xeral como para membros da directiva, foi sancionado con diversas cantidades económicas e outras medidas. Así, en xuño de 1954 o presidente presentou unha denuncia contra um directivo para o que propuxo unha multa de 25 pts. “por no comparecer ou negarse a ir a visitar un animal enfermo”. En outubro de 1957, “los síndicos nombrados para a venta de los bueyes de la asociada María Alonso no han asistido a su misión faltando totalmente a ella po lo tanto se acordó ponerle la sanción correspondiente”. O mesmo sucedía con calquera asociado/a. A asemblea da Mutua Gandeira actualizou periodicamente os seus estatutos. En 1958 regulando as porcentaxes de indemnizacións segundo o dano sufrido pola cabeza de gando. No 1959 contemplouse un caso que afectaba aos gastos que se podían ocasionar a tódolos asociados/as polo mal coidado das reses – que incrementaba o número de incidencias e polo tanto de reparto de gastos -. Así mesmo a utilización para o traballo de vacas preñadas tivo que regularse. Os integrantes da directiva da Mutua Gandeira estaban obrigados a visitar os animais doentes ou accidentados, propiedade dos asociados/as, a tomar decisións sobre o tratamento e as curas aos animais, así como a realización das tasacións. Igualmente era a súa tarefa acompañar ao propietario á feira para vender reses, controlar e mesmo efectuar a transacción. A actuación por conta propia, sen informar ou sen seguir as indicacións do seguro, levaba aparellada a perda das prestacións que proporcionaba a Mutua. Así mesmo, quedaban fóra dos benefícios en caso de que as reses non estivesen vacinadas. Todo socio tiña a obriga de avisar do estado de saúde dun animal asegurado e da súa intención de levalo a vender. A falta a esta obriga eximía ao seguro de calquera cobertura sobre o animal. Xunto co Grupo de Colonización, a Mutua Gandeira de Padróns escenificou a capacidade dos veciños para autoorganizarse en asuntos do seu interese. Mediante un sistema de prorrateo prestou un servizo fundamental aos gandeiros asociados/as e permitiu que persoas con grande experiencia, como Manuel Piñeiro, seguisen contribuindo ao benestar da súa aldea. As autoridades franquistas procuraron integrala dentro da concepción de sindicato único, no seo da Hermandad Sindical de Labradores y Ganaderos San Miguel de Ponteareas. E tamén aquí o propio Piñeiro chegaría a deixar a súa impronta.
francisco candeira mosquera
NOTA Tódalas citas que neste artigo se fan, proceden dos libros de Actas do Seguro Mutuo de Ganados de Padróns entre 1953 e 1959.


