Arquivos diarios: 02/08/2018

PEQUENAS LEITURAS DA MAN DE PONTAREAS

(Anacos do texto lido como pregón na 1ª Feira do Libro de Ponteareas, o 27 de Xullo de 2017)

       (…)Nun vello libro de Patrícia Highsmith, mercado coa paga do domingo no quiosco que daquela tiña o Hossaín, lin aquela historia de Taylor Cheever, o escritor que desenvolvía a súa mellor novela na súa propia imaxinación;  ensimesmado, distraído, non topaba o tempo de vertela na escrita; tanto tiña, el sorría, estaba a escribir – a imaxinar – o mellor dos relatos; era suficiente.  (…) De moi rapaz ensaquetaba uns pesos para ir correndo á libraría de Pereira e apañar o último número das aventuras en banda deseñada de “Old Shatterhand” e o xefe apache “Winnetou”.  (…)  Deprendía, de vagas; que pasar a tarde arredor do quiosco do Hossaín levaba a fedellar nas séries de Agatha Christie que publicaba a Editorial Molino e mudabas o definitivo partido de fútbol nos restos da vella praza de abastos para esclarecer nervioso que pasara naquel tren que saíra para Paddington ás 04:50 horas.  E  xa, cando xuntabas algúns cartos máis, mergullado no vieiro dos mundos paralelos, facías da libraría de Charlot unha propia Igrexa particular onde topar a Série Negra que publicaba a Editorial Bruguera e nomeabas a Raymond Chandles o Párroco co que memorizar novos sacramentos naqueles días de fuscas catequeses.  Topabas e soñabas e tirabas da imaxinación frases do Philip Marlowe coas que chegar ao Instituto a triunfar.  (…)  Un outro día, cando Hossaín abriu ao cabo a súa libraría botei o ollo a unha reedicçón de Planeta de Seara Vermella, a novela de Dashiell Hammet ambientada na caciqueada vila de Personville (en Montana, ou así) e que el chama Poisonville.  Dende aquelas comprendín que a boa literatura axuda e obriga a comprender a propia realidade.  (…)  Comezaba a ler en cadea e ao chou.  O pai dalgún colega mercaba libros do Circulo que amoreaba pola casa aínda no seu plástico.  Nunha visita, logo dunha das primeiras resacas de Kalimba e Globos, descubrín o Pan con Xamón de Bukowski, inmaculado, virxe, agardandome para lle facer un sitio embaixo da miña cama,  e divulgalo feliz, obrigando a xente a partillar a historia dun rapaz com acné, tráxico e folgos de ler e escribir.  (…)  Daquela, volvín pola Biblioteca para ir máis atrás a coñecer a nosa tremenda historia agachada no xornal agrarista “El Tea” entre marabillosos textos literarios, e revelar contos exquisitos escritos polos emigrantes locais na revista “Lonxe da Terriña”.  (…)  Teimo, adrede, en lembrar ao Santiago Eizaguirre, o profesor de Literatura en Bacharelato, que me agasallou aos quince anos con dous libros de Benavides:  La Escuadra la mandan los cabos e El último Pirata del Mediterráneo; esta vila ten moita literatura, dicía.  E tal foi.  (…)  Posuía unha misión; eu tamén quería ser evanxelista do meu tempo (…)  Comecei por escribír versos febles e atrevidos, ganduxos de poemas para o tal profesor, que os desbotaba máis, con todo, insistía, intrigándome:  “Liches o Seraogna?  Búscao, procura ti os tesouros”.   Nin sabía por onde pescudar; se preguntaba, ninguén dicía ren.  Saberlle o nome a Pexegueiro, saber del, era cousa de Esperanza, do Anxo Abalde e outros hippies.  Até que lín que o Méndez Ferrín destacábao como o mellor poeta da súa xeración e ao pouco Luciano Fernández, un colega filólogo de Areas, aquelou unha fantástica edición para Xerais.  (…)  Cando din aborrecido a facultade refuxieime na biblioteca da Universidade entre os versos rebeldes de Walt Whitman e os textos libertários de Gustav Landauer ou Ricardo Mella para lle dar a volta ao mundo sen deixar a cadeira e ao cabo, caer na conta de que á base de ler e ler, dás por escribir e corrixir, e gardar, e volver a ler, e borrar todo para reescribir e, trás dunha luz máxica (como a de Saulo, supoño), dás cun verso, unha frase que te apaña e te leva da man (…)

kiko neves