CONVERSANDO
.
Mirade:
A palmeira divide a cidade en dúas bandas.
Semella soster o ceo, tan alta e esguía é,
mais só sostén a cor azul do ceo…
E un numen azul do ceo caído
separa os seus ramos, esas raíces no aire,
para que eu sen querer minta
e diga que a palmeira
afonda a súa raigame, tal vez ramos na terra,
en colores arcanas.
Mais acaso non minto moito se vos digo:
Cara arriba respira aínda con espanto
a miña mocidade, esa amiga louca
que buscaba pillar por un extremo
o relampo máis bo pra debuxar
con el unha palabra que de seguro sairía chinesa,
e tamén aquel tempo en que un xa cría
que as árbores estremecían e abaneaban
soas, sen axuda do vento,
pois que o vento da cidade só proviña
das mozas que rente a nós pasaban,
alleas ou pícaras.
Era outro tempo…
heroes, ignorabamos a morte, e tamén que morrer
de vello, de moi velliño, é cousa inxustamente natural.
E falabamos de Arquetipos sen nada comprender aínda.
E incipientes poetas, os ollos das putas eran “pasteis de nata”.
E recordaba un parásitas Dictaduras,
nós, que non foramos leitores torturados
nin guerrilleiros en país estraño.
E ese tempo pasou…
Cara abaixo arestora o mar é outro, xa non é aquel
de caranguexos e ínfimos peixes en rochosas praias,
tampouco é de todo aqueloutro de bravos océanos virxes
buscadores de tesouros.
O mar de hoxe, o mar meu, soña sempre
con lonxanos volcáns, columnas dóricas e peixes
abisais a falsos punteiros docemente desatentos.
E anque non me escoitedes, podo contarvos
que alá no fondo a cidade segue fiel ao gran Desconcerto:
Hoxe mesmo, baixo terra, nalgunha Estazón de Metro,
un painel en azulexo graba uns versos de Cesáreo Verde:
“Se eu nao morresse, nunca! E eternamente
Buscasse e conseguisse a perfeiçao das cousas!”
e entretanto, polo andén, un home aballoado de alcool
repite para o faro do convoi, ao lonxe, aínda na outra Estazón:
!Viva Frei Hernando da Cámara!
!Viva Víctor Mendes, toureiro-artista!
francisco candeira
Esta entrada foi publicada en
Uncategorized.
Ligazón permanente.