Cidadáns, votantes ou… espectadores

Recomendo a lectura do artigo de J.J. Millás Camisas de fuerza, no xornal Faro de Vigo, unha reflexión acerca da trascendencia que adquiren as cuestións formais sobre os aspectos de contido nos debates televisivos dos candidatos políticos.

“Esta obsesión por las cuestiones formales ha conducido a los propios espectadores a fijarse más en la calidad del afeitado que en la de la sintaxis. No importa quién sea el mejor desde el punto de vista intelectual, lo interesante es si Rubalcaba logrará permanecer erguido (tiene tendencia a arquear la columna) o si Rajoy logrará mantener la mirada fija en un punto (se le va con frecuencia hacia el vacío)” (…)

Este detalle en apariencia tan simple pon en cuestionamento as mesmas bases do sistema político democrático. Cuestiónase a racionalidade dos cidadáns e en consecuencia a calidade dos votos e a do propio sistema. Os votos lexitiman os mandatos dos representantes políticos por un período de varios anos. Dáse por sentado que votan uns cidadáns conscientes da realidade na que viven, da súa situación social e política, persoas con intelixencia ás que se dirixen os discursos e os programas dos partidos.

Pero na realidade dáse unha transubstanciación denigrante, eses CIDADÁNS con maiúsculas vanse convertendo en simples “votantes”, e pasan a ser tratados do mesmo xeito que nun centro comercial as persoas son tratadas simplemente como potenciais consumidores, e utilízanse mil artimañas, botando man de mensaxes subliminais, por baixo da liña de flotación da conciencia, a pura traición, para que merquen un produto máis que nunca necesitarán para nada.

De xeito similar ocorre no mundo da política. Necesítanse votos para lexitimar a súa existencia, e estes votos convértense en simple mercancía sometida ás leis do mercado capitalista, deixando de lado consideracións éticas. Están en xogo grandes intereses (económicos en primeiro lugar, pero tamén ideolóxicos), e nesas circunstancias cobra grande relevancia a cantidade de votos, non a súa calidade, que pasa a ser mera anécdota. Entón rebáixase ata o infinito o listón do que está permitido, e xa postos a denigrar ten tanto valor o voto dun CIDADÁN como o dun pasivo espectador. A política ponse na altura da prensa rosa ou da prensa deportiva.

Tamén poderiamos xustificalo dicindo que é licito, que no fondo do ser humano reina a emoción máis elemental e que polo tanto está ben apelar a ela. Que a razón non é máis que un adorno de moi recente conquista e que só se leva a lucir nos días de festa. Si, podería ser. Si, pero entón… a que vén construír un monumental estado de dereito regulado ata o infinito?  Non serán só as regras do xogo coas que os poderosos poidan repartirse o pastel sen masacrarse entre eles?  Non será todo o sistema político e legal só unha simple fachada para tapar un mundo oculto fundado na dominación e na destribución desigual da riqueza? Un mundo no que os grandes privilexios se concentran só nunha mínima porcentaxe da poboación e o único alimento para os demais son as migallas do que a estes lles sobra, e que unha vez peneiradas polos diferentes estratos ou capas sociais en distinto groso de malla sonnos vendidas como o mellor alimento no mellor dos mundos posibles?

Ese empeño en que todos participemos votando parece obedecer simplemente á intención de crearnos a ilusión de que nós tamén formamos parte dese mundo, que gañamos o dereito a gozar das súas riquezas, e que polo tanto non temos razóns para queixarnos, protestar ou rebelarnos, se non que debemos dar as grazas por vivir coma reis, ao paso que nos lembran que aínda hai moitas persoas no mundo en condicións mil veces máis lamentables que as nosas, que non teñen uns amos tan bos coma temos nós, e que é unha inmensa sorte para nós poder participar neste inmenso circo, incluso aínda que só sexa como meros espectadores.

Deixar un comentario