.

O semanário de extrema dereita “Je Suis Partout” vai máis alá e defende unha solución hixiénica, rápida e barata: a escoria española que non quere volver con Franco hai que cargala en buques e botala ao fondo do Mediterráneo. O futuro do SERE e do seu labor humanitario reciben un novo revés en outubro: Osorio Tafall dimite como director xeral, marcha aos Estados Unidos e dende alí a México. Azcárate, dimitido dende agosto, instálase definitivamente en Londres. A dirección do SERE, queda descabezada nun momento especialmente delicado. Negrín despídese de Tafall eloxiando a traxectoria do Servicio de Evacuación. (…) Uns días despois da marcha de Osorio Tafall, parten cara a Arxentina, no vapor “Massilia”, Luciano Vidán, Celina San Martín e Mercedes Orgaz. Pedro Díaz Abalo viaxa no “Flandre” até a República Dominicana. O grupo de amigos de Viana na Guerra Civil e no exilio francés vai minguando, logo da marcha meses antes de Laureano Poza Juncal a México, no “Ipanema”, e de Pardo Gayoso a Venezuela. Tan só continúan en Francia Pastor Candeira e Isabel Napal, que seguen traballando no SERE, ademais de José Echeverría e os médicos Alejandro Otero e José Antonio Fernández Vega. Tras a renuncia de Tafall, Negrín vese obrigado a buscar un novo director xeral do SERE, e no mes de novembro convence a Alejandro Viana para que volva e asuma a responsabilidade. Mentres agarda o seu nomeamento oficial, retoma o traballo e comeza a organizar o frete dun barco con destino á República Dominicana. Ao mesmo tempo, Viana convértese no delegado oficial en París das Sociedades Hispanas Confederadas de Nova York (SHC), que comparte oficinas co SERE no número 11 da Rue Tronchet. Esta organización, creada en 1937, agrupa máis de cen mil persoas pertencentes a un cento de organizacións dos Estados Unidos, entre elas a Fronte Popular Antifascista Galega de Nova York. As SHC recadan fondos para apoiar economicamente os refuxiados de Francia e do norte de África. Cos seus recursos, Viana paga centos de pasaxes e visados, roupa e calzado, aloxamentos, traslados e estancias nos portos de embarque. Ademais das SHC, Viana tamén representa en París á Federación de Sociedades Galegas Arxentinas. A organización encárgalle evacuar galegos aos que lles aboan integramente a viaxe. Viana ocúpase de conseguirlles o visado, o aloxamento no porto e a pasaxe. A súa actividade humanitaria non se canaliza unicamente a través das organizacións ás que representa. Tamén aproveita os seus contactos empresariais en Portugal para auxiliar algúns refuxiados. A muller e fillos do delegado do SERE en Orán, Antonio Pérez Torreblanca, están en Lisboa. Viana axúdaos para que poidan embarcar dende a capital portuguesa.
ROBERTO MERA COVAS