
Os ovos que proporcionaban as galiñas, eses animais, chegados desde a India a Europa en tempos de Aristóteles e perfectamente integrados na casa, facían algo máis variado o receitario de nais e avoas. Falamos fundamentalmente de ovos de galiña e ás veces de parrulo, que tamén podían chocalos aquelas se a familia non dispoñía desta especie e quería facerse con algún exemplar. O seu coidado é similar, salvo que os parrulos necesitan ter auga cerca na que batuxar. Gansos e pavos a penas había nas aldeas galegas. Os ovos consumíanse frescos, bebéndoos directamente, ou ben fritidos, cocidos, escalfados, en tortilla ou en formigos… e adoitaban igualmente ser levados á feira, postos coidadosamente num cesto cheo de palla, para obter algúns cartiños cos que mercar calquera outro artigo de primeira necessidade. Antano eran numerosas as vilas e cidades que contaban cunha praza chamada “dos Ovos”, igual que había prazas “da Fariña, “da Leña”, “dos Roscóns”…, tomando o nome do producto que ali se vendía. A ela acudían principalmente as mulleres, unhas para vender a súa mercadoría e outras para abastecer a despensa familiar. Ter galiñas que puxeran ovos en abundancia era noutras épocas un privilexio utilizado polos donos non como fonte de alimento, senón como producto de cambio, como mercadoría que aseguraba uns ingresos extra en efectivo. Actualmente, aínda que nas cidades os ovos caseiros case son antollo de sibarita, nas aldeas próximas aínda é fácil obter productos de primeira calidade. A diferencia de sabor e color con respecto ós ovos de granxa (onde as galiñas comen, engordan e poñen ovos “en cadea”) é notable, o que non é de estrañar tendo en conta que nas casas as galiñas non só comen productos naturais no canto de penso industrial, senón tamén que andan ás súas anchas pola horta, facendo exercicio constantemente. E se había que convocalas para botarlles a gra, acudían ó berro de “¡Churras-churras-churras… pi, pi, pi, pitas!” Era infalible. Para que as galiñas sexan productivas non se poden retirar nunca por completo todos os ovos que poñen: un deles (coñecido como endego ou éndez), marcado antano cun chamizo para poder distinguilo, permanecerá constantemente baixo a galiña choca, nun intento de que esta continúe ininterrompidamente a tarefa de reunir os ovos para a rolada.
GALICIA PARA COMELA (VOLUME I) – HÉRCULES DE EDICIONES S. A.