
O convulso mes de agosto remata con malos augurios e setembro iníciase confirmando os peores presaxios. O tratado de non agresión asinado entre Hitler e Stalin dá paso en poucos días á invasión alemá de Polonia, a declaraçón de guerra de Francia e Inglaterra e a ocupación da zona oriental polaca polas tropas rusas. Comeza a Segunda Guerra Mundial. Co escenario bélico as perspectivas son moi escuras en Europa. Os amigos de Viana, Luciano Vidán, Celina San Martín e Mercedes Orgaz, tras conseguir o visado de Neruda e o de tránsito por Arxentina, deciden marchar a Chile no vapor de liña regular Pasteur. Pero a Guerra Mundial trastoca todos os plans para axudar e protexer os exiliados. A viaxe de Luciano Vidán e os seus familiares suspéndese e as posibilidades de evacuación a outros países redúcense á mínima expresión. A guerra fai moi perigosas as expedicións polo Atlántico. México cancela as emigracións colectivas no medio do crecente descontento social que suscita a difícil asimilación dos refuxiados pola economía do país. Nesa altura a embaixada mexicana dispón das fichas persoais de 24.000 refuxiados dispostos a emigrar, pero as posibilidades de saír de Francia limítanse á emigración individual en liñas regulares, e a embaixada mexicana tan só expide visados para os refuxiados que viaxen a cargo dos seus propios recursos ou con axudas do SERE. A nova situación tamén complica aínda máis o drama dos republicanos que continúan recluídos nas praias. Francisco Vázquez Díaz, Compostela, amigo de Viana e Vidán, é un dos máis sobranceiros escultores galegos do momento e está internado nun campo de concentración. Compostela quere saír do encerro e pídelle axuda ao SERE. Viana tenta prestarlla con agarimosas verbas e consellos mesturados coas súas sombrías incertezas. “Meu querido amigo: recibín onte a súa do día 8 que me apresuro a contestar. Hai un mes que deixei de ser funcionario do SERE, demitindo do meu cargo por incompatibilidade co secretario xeral. De todos modos, cumprirei os seus encargos e, no que eu poda servilo, tenme enteiramente á súa disposición. A guerra veu a trastornar por completo os embarques de refuxiados españois. Alomenos os colectivos suspendéronse. Un medio de saír do campo sería ofrecerse para traballar na vendima, pois o Goberno francés desexa xente para traballos agrícolas. Agora iso é o máis importante. E vendimar non é cousa difícil. Despois xa veríamos. O caso é saír do campo e gañar para vivir. É demasiada traxedia a de vostede, amigo Compostela. Debe estar feito un linguadiño e non dos moi grosos. Que nos espera agora? Moitas e moi cariñosas apertas do seu amigo.” En setembro aínda permanecen nos campos de concentración preto de 100.000 persoas coma Compostela, ás que hai que sumar outras tantas mulleres, nenos e nenas en refuxios. Francia quere rematar con esa situación e presiona os refuxiados para que regresen a España ou se incorporen á economía de guerra na que xa participan 20.000 republicanos en batallóns de traballadores. Pero esas intencións chocan coa postura dos exiliados que temen as consecuencias da repatriación. En Perpignan, un tren con destino a España, que transporta 1.400 mulleres cos seus fillos e fillas, non pode continuar a súa marcha ao negarse as viaxeiras e ameazar con poñerse diante da máquina. Logran o seu obxectivo, pero todas elas son enviadas ao campo de concentración de Saint Cyprien. A entrada de Francia na guerra empeora a situación dalgúns amigos de Viana que pasan por serios apuros e viven afogados polas penurias. O médico ponteareán José Antonio Fernández Vega carece de recursos para atender a súa familia, e Viana pide axuda a Jáuregui, o representante dos vascos no SERE.
ROBERTO MERA COVAS