
Azcárate eloxia a Viana e tenta que reconsidere a súa decisión. “Meu querido amigo: agradézolle moi de veras a atención persoal que tivo vostede comigo informándome de ter presentado a dimisión do seu cargo no SERE. Non podo ocultar a vostede que lamento moi de veras a súa decisión, non só por motivos de orde persoal, senón porque estou convencido de que coa súa marcha perderá o SERE un dos seus colaboradores máis seguros e eficaces. Por iso, permitinme falar con Osorio neste sentido cando me entregaron a súa carta na rápida visita que fixen a París o outro día, como tería tratado de facelo con vostede se estivese en París máis tempo. Non sei se Osorio logrou evitar a súa marcha. Se non foi así, só me queda agradecerlle moi vivamente a súa atención e as súas palabras, asegurándolle que correspondo ao que me di cun sentimento de verdadeira e sinceira amizade. Deséxolle moita sorte para enfrontarse coas difíciles circunstâncias en que todos nos atopamos e quero engadir que se en calquera momento hai algo en que poida eu serlle útil non vacile en dicirmo.” Julio Jáuregui, deputado e representante dos nacionalistas vascos no SERE, também lamenta a decisión de Viana e gaba o seu traballo. “Non llo digo a título de cortesía senón con toda sinceridade. Creo que o SERE perdeu, ademais dunha persoa de prestixio político e de dignidade profesional acrisolada, o seu mellor funcionario. Repítolle o meu sentimento e créame que de saber a súa intención tería feito mil esforzos para tratar de evitala.” Viana reacciona con modestia, pero reafirmándose na rectitude da que fixera gala ao longo da súa vida. “Non teño ningún dos méritos que vostede me atribúe, pero o certo é que traballei máis do que a miña saúde me permitía e cunha rectitude que poderá igualarse, pero non superarse. Este era o meu defecto, pero con el irei á tumba, xa que por nada nin por ninguén estou disposto a modificar o concepto que eu teño do que debe ser a administración pública. As súas palabras serven de consolo ás moitas amarguras sufridas. Por isto agradézollas máis.” A decisión de Viana é irrevocábel e o seu amigo Pastor Candeira ocupa a partir de entón o cargo de xefe da Sección de Emigración que exerce coa mesma honestidade que caracterizara a Viana. A propia JARE, malia a súa rivalidade e confrontación co SERE, recoñéceo con rotundidade. “Candeira conduciuse sempre cos compatriotas que ao SERE acudían, cunha solicitude e benevolencia non comúns, acollendo a todos sen distinción de matices políticos resolvendo con espírito de xustiza.”
ROBERTO MERA COVAS