
Un home tiña unha filla moi guapa, e ao facer a nena os quince anos, el quedou cego. Entón marcharon os dous polo mundo a pedir esmola, e como o pai temía que lle amalasen a nena, vestiuna de rapaz. Andando, andando, chegaron à casa do rei en procura de pousada, e a princesa namorouse do rapaz sen saber que era unha rapaza, chegando a pedirlle palabra de amor. E como el non lla quixese dar, díxolle a princesa ao pai: –O se casa conmigo o tiene que ir a buscar la cierva del monte que los cazadores no pueden coger. O rapaz pediulle ao rei un día para pensalo, e á mañá dixolle que escollía ir pillar a cerva. Conque marchou para o monte moi triste, e de camiño topou cunha vella que lle dixo: –Tente caladiño, que eu sei unha maña para pillar a cerva: tes que pór un caldeiro mediado de leite no bico do monte; así, cando ela beba, déixase pillar. O rapaz fixo como lle dixera a vella, e pillou a cerva, que no momento botou unha risada. Cuando viñan de volta para o Palacio, viron pasar o enterro dun neno. Diante ía o cura cantando e detrás o pai chorando. E a cerva botou outra risada. Ao chegar ao Palacio viron a Raiña no balcón, e a cerva botou a terceira risada. Mais a princesa seguía con antollos do rapaz, e foille dicir ao pai: –O se casa conmigo o tiene que hacerle hablar a la cierva. O rapaz pediulle ao rei outro día para pensalo, e logo pechouse no seu cuarto, sen saber o que facer. Entón a cerva díxolle: –Vai xunto do Rei e dille que hei falar, mais só podo dicir tres verdades. El obedeceu de contado, e o Rei mandou vir a xente do Palacio para que visen o caso. E preguntou o rapaz: –Dime, cierva: ¿por qué te reíste cuando entramos en el Palacio? –Porque la mujer del rey tiene tres hijos de distintos padres– respondeu a cerva. O Rei anoxouse coa resposta, mais a Raíña confirmou que era certa, pois ao nacer o primeiro, o Rei era mozo; ao nacer o segundo, era home; e ao nacer o terceiro, era vello. –Entón volveu o rapaz: –Dime, cierva : ¿por qué te reíste cuando pasó el entierro del niño? –Porque un padre iba cantando y el otro llorando– dixo a cerva. E tamén era certo, porque aos curas lles chaman “padres”. Conque rematou o rapaz: –Díme, cierva: ¿por qué te reíste cuando te cogí en el monte? –Porque fui cogida por las manos de una doncella– replicou a cerva. E miraron o rapaz e viron que era unha rapaza. E a princesa amolouse.
PISÓN, X. ; LOURENZO, M. ; E FERREIRA, I. , 1998: “CONTOS DO VALADOURO”, EDITORIAL A NOSA TERRA, VIGO.