
Era unha vez un rei e a muller do rei, e tiveron un fillo, e a irmá da muller, que fora asistida no parto, colleu o rapaz e botouno polo río abaixo metido nunha cesta e, no seu canto, levoulle ó rei un gato. Á beira de aquil río, e moito máis abaixo, vivía un senhor, amigo do rei, que viu a cesta co meniño e recolleuna e criou o neno, sin saber quen era. Outro ano volveu ter outro fillo a muller do rei e a irmá tamén o botou polo río abaixo, como fixera co primeiro. E tamén aquil amigo do rei o recolleu, como tiña recollido ó seu irmau. Pra outro ano volveron a ter os reises outro fillo, e a cuñada do rei fixo con il o mesmo que fixera cos irmaus, e tamén iste foi recollido por aquil señor que vivía à beira do río. Entón o rei coidou que a culpa de todo aquelo a tiña a súa muller e mandouna prender, sin se decatar que a que facía o mal era a súa cuñada, que tiña envexa da irmá e quería que o rei a matase pra pórse ela ó seu canto. Pasaron moitos anos e aqueles rapaces medraron e puxéronse moi guapos e, como eram moi bos cazadores, matinaron de sair pra un monte a buscar a Fortuna e cazar un paxaro moi bonito que había alí. Saíu primeiro o máis vello e ó se despedir dos irmaus deixoulles un espello e díxolles: -Si vedes que iste espello, está limpo, é señal de que estou ben, mais si vedes nil un lixo de sangue, é que estou morto. E botou a andar cara ó monte e, indo de camiño, atopou con un home de barbas moi longas, que lle preguntou onde iba, e o cazador díxolle que iba na precura da Fortuna; entón aquil home deulle unha bóla moura e díxolle: -Pois toma esta bóla e bótala a rodar, e vai tras dela, e ten moita conta con us bechos mouros, que che han de saír ó camiño, e han de rubir por ti e mais polo cabalo. Non lles dés tino, pois xa foi pra alá moita xente e ninguén volveu. O cazador deulle as gracias e, botando a rodar a bóla, seguiu tras dela e chegou a un sitio donde principiaron a saír unhos bechos mouros, que deron en rubir polo cabalo e mais por il enriba, e o cazador volveu a cabeza, pra tornalos, i entón quedaron feitos de pedra moura il e mais o cabalo. Un día os irmaus miraron o espello e viron que tiña un lixo de sangue. Entón dixeron: -O noso irmau morreu. E dixo o que era mediano: -Vouno buscar. Antes de se poñer ó camiño deixoulle unha navalliña ó irmau que quedaba e díxolle: -Si ves que está limpa é señal de que estou ben, e si se lixa de sangue, é que morrín. E saíu en precura do irmau, e topou co home das barbas, que lle preguntou onde iba. -Vou buscar a Fortuna e ó meu irmau, díxolle o cazador. -Pois toma esta bóla, contestoulle o vello, e bótala a rodar e vai tras dela, e ten moita conta con us bechos mouros, que che han de saír ó camiño e han de rubir por ti e mais polo cabalo. Non lles des tino, pois xá foi pra alá moita xente e ninguén volveu. O cazador sigueu tras da bóla e chegou a un sitio e principiaron a rubir polo cabalo e por il unhos bechos mouros e volveu a cabeza pra tornalos, e quedaron os dous de pedra moura. O irmau máis pequeno viu que un día aparecía lixada a navalliña e dixo: -Meu irmau morreu, vouno buscar. E saíu polo mesmo camiño que levaran os irmaus e levaba os bolsillos cheos de algodón. Cando chegou onda o home das barbas longas, iste preguntoulle onde iba, e díxolle o cazador máis pequeno: -Vou buscar ós meus irmaus e mais a Fortuna. -Pois toma esta bóla e bótala a rodar e vai tras dela, e ten moita conta con us bechos mouros, que che han de saír ó camiño e han de rubir por ti e máis polo cabalo. Non lles dés tino, pois xa foi pra alá moita xente, e ninguén volveu. Entón o cazador deulle as gracias, colleu a bóla, botouna a rodar, e saíu correndo tras dela, despois de meter algodón nos ouvidos. E como levaba os ouvidos tapados, non se decatou de que lle rubían os bechos mouros e chegou onda a Fortuna, e colleu moito ouro, e o paxaro bonito e desencantou a douscentos homes, que alí estaban dacabalo dos seus cabalos convertidos en pedras mouras. E saíron dalí todos xuntos e, cando chegaron á casa, aquiles cabaleiros déronlle un banquete ó seu salvador, ó que asistiu o rei. No banquete falou o paxaro bonito e contou a historia dos tres irmaus, descobrindo quen eran, e o rei, ó sabelo, abrazounos e levounos pro seu palacio e sacou á muller da cadea onde estaba presa.
GALICIA DE CONTO (HÉRCULES DE EDICIONES). FERNÁNDEZ OXEA, X. R., 1968: Santa Marta de Moreiras, Edicións Castrelos, Vigo.