
Unha vez ía un rei paseando polo seu reinado e pasou por diante da casa onde vivía Santa Dora con dúas irmás máis, que estaban todas tres nun corredor para velo pasar. A máis vella díxolle que se a collía por muller habíalle facer un vestido sen costura ningunha. A do medio díxolle que se a quería a ela, que lle faría unha camisa sen puntada ningunha. Pero el seguía sen facerlles caso. Só llo fixo a Santa Dora cando lle dixo que, se casaba com ela, habíalle dar dous fillos, cunha estrela de ouro na fronte cada un. O rei pensou que sería moi bonito ter dous fillos coas estrelas de ouro, e foi e pediulle palabra de casamento. Casaron con moito rumbo e despois levou para o seu palacio ás tres irmás e, ao pouco tempo de que casara, tivo que marchar para moi lonxe, á defensa. Como Santa Dora dixera, deu a luz e trouxo un meniño e unha meniña, cada un cunha estrela de ouro na fronte, pero como as irmás lle tiñan moita envexa, colleron as criaturas, atáronlles uns tirelos na fronte para tapar as estrelas, e botáronas río abaixo metidas nun caixón, facéndolle ver ao rei que truxera dous gatos negros. O rei, cando recibiu a carta das cuñadas, entráronlle ganas de matar á muller, pero pensou que a morte era pouco castigo e mandouna emparedar para que morrese de fame. Pero non morreu, porque a Virxe botáballe pan e auga para que vivise. O caixón que levaba os meniños marchou polo río abaixo ata que quedou atrancado na cal dun muíño, facéndoo parar. O muiñeiro saíu afora para ver o que pasaba e, ao ver aquel caixón, pensou que iría cheo de diñeiro e sacouno correndo. Chamou pola muller para que lle axudase a abrilo e atopáronse cos dous meniños. Quedaron un pouco un mirando para o outro sen saberen que ían facer deles, porque eran pobres e xa tiñan un fillo, pero por últimas acordaron quedarse con eles. O muiñeiro non se marrou cando creu que o caixón ía cheo de diñeiro pois, dende que tivo os meniños na casa, cada día lle marchaban máis dereitas as cousas e estaba en camiño de se poñer rico. Os meniños espoliñaban moito e eran moi listos. Mandáronos á escola na compaña do fillo e eles eran tan listos que ao pouco tempo, xa o mestre non tiña que lles ensinar. Pero o fillo do muiñeiro era tan burro que non aprendía nada, e por eso tiñalles moita rabia aos outros e sempre lles andaba chamando lomeadas, entre elas “atopados”. Un día os meniños preguntáronlle ao muiñeiro que por que o irmán (eles pensaban que eran irmáns) lles andaba chamando “atopados” sempre. Entón o muiñeiro contoulles todo. Eles, ao saber que o muiñeiro non era seu pai, quixeron marchar polo mundo adiante e, anque o muiñeiro non os quería deixar marchar, eles teimaron tanto que non tiveron máis remedio ca deixalos ir, pero antes déronlles comida para o camiño e sete pesos, pois eles non quixeron máis cartos. Botaron a andar polo mundo adiante ata que chegaron a un lugar onde atoparon un home morto na rúa, e preguntaron por que non o enterraban. Respondéronlles que era porque non deixara nada cando morrera e ningúen lle quería pagar o enterro. Preguntaron canto custaba enterralo e dixéronlles que sete pesos e, como os tiñan, pagáronlle o enterro e seguiron o seu camiño. Chegaron cerca do palácio do rei e fixeron alí unha horta que era un xardín precioso, con tantas flores e tantas plantas que admiraba a toda a xente. Todo o mundo se preguntaba de onde virían aqueles rapaces e todos lles ían ver a horta, polas maravillas que tiña. E tanto falaron da horta, que tamén as tías dos rapaces foron vela. En canto chegaron xa coñeceron aos sobriños, e quedaron coma se viran visións, pois elas pensaban que afogaran. Coñecéronos porque os tirelos que lles ataran á cabeza inda os traían e ningúen fora capaz de desatárlellos. Volveron para o palacio e empezaron a pensar no que faría o rei se chegaba a ir ver a horta dos rapaces e os coñecía. E, como os rapaces tiñan cada vez máis fama de sabidos, procuraban non deixar nunca ao rei só, para estorbar que ningúen llo dixese. E, por últimas, foron falar cunha bruxa para que lles dixese como habían de facer para botalos de alí. Respondeulles que, se lle pagaban ben, xa ela se encargaría de quitarlles o estorbo de diante. A bruxa emprincipiou a ir pola horta todos os días, alaudoulles as cousas que tiñan nela e díxolles que aínda lles faltaba unha cousa. -¿E logo que é? -Unha música harmoniosa. -¿Onde a hai? -No castelo de Irás e Non Volverás. Os dous irmáns estiveron falando de ir buscar a música, e acordaron de que marchase el buscala, deixando de consigna un pan que se había volver en sangue se lle pasaba algunha cousa mala. Marchou el buscar o castelo e, no camiño, saíulle a figura do home que mandaran enterrar, que lle dixo: -Mira, no castelo haberá tres músicas: unha que toca moi ben, outra toca medianamente namais e outra dun tocar moi tristeiro, que non ha gustar oíla. Ti colle a do tocar tristeiro, pois se colles a que toca mellor, ¡cérranse as portas do castelo e quedas pechado dentro! O rapaz foi ao castelo, viu as tres músicas e fixo caso do que lle dixera o home, collendo a música do tocar máis tristeiro e, cando chegou á horta toda a xente quedaba admirada polo ben que tocaba. A bruxa quedou levada do demo cando viu que o rapaz non quedara preso no castelo, pero púxolle moi boa cara e díxolle: -¿Ti viches que música máis bonita? Pois inda faltan máis cousas neste xardín. -E logo, ¿que falta? -Unha fonte preciosa. -¿Onde a hai? -No castelo de Irás e Non Volverás. -Pois vou buscala. No camiño encontrou o home da outra vez, que lle dixo: -Encontrarás tres fontes dentro do castelo: unha que bota auga moi clara, outra que a bota algo alodada e outra que a bota alodada de feito. Ti colle a auga da fonte que a bota mais alodada, ¡senón cérranse as portas do castelo e quedas preso nel! O rapaz volveu facer caso do home e colleu a auga da fonte máis alodada, pero cando a puxo na horta formouse unha fonte preciosa que era a admiraçón de cantos ían vela. Cando a bruxa volveu por alí e viu que o rapaz outra vez en salvo non sabía que pensar. Púxolle moi boa cara, coma sempre, e díxolle: -Mirade inda falta outra cousa para estar o xardín completo. -¿Que falta? -É o paxaro que o fala todo. -¿E onde está? -Está no mesmo castelo de Irás e Non Volverás. Volveu o rapaz ao castelo de Irás e Non Volverás e, no camiño, saíulle o home das outras veces, que lle dixo. -No castelo de Irás e Non Volverás haberá tres paxaros, um moi falador, outro que fala algo e outro que parece que está malo, co bico metido debaixo dunha ala, moi morriñoso. Ti colle o paxaro morriñoso, pois xa sabes que se colles un dos outros, as portas cérranse e alí quedas para sempre! Pero o rapaz non seguíu o consello do home, porque tivo medo de que o paxaro morriñoso lle morrese no camiño, de tan malo como parecía que estaba, de maneira que colleu o que máis falaba. Pero inda non lle tocou cando caíu coma morto e cerráronse as portas do castelo. A irmá, que non facía máis ca estar mirando sempre para o pan, observou que se volvía en sangue e comprendeu que algunha cousa mala lle estaba pasando ao seu irmán e, a escape, marchou alá, a ver se o podía axudar. No camiño presentóuselle o home que lle tiña saído ao seu irmán e díxolle: -Eu son aquel home que mandastes enterrar, que vos quedei moi agradecido. A teu irmán díxenlle o que tiña que facer para que non lle pasase nada e, como foi mal mandado, por eso quedou preso no castelo. Ti non te apures, que todo se ha de arranxar se fas caso de min. Mira, cando chegues ao castelo has ver tres paxaros, un moi falador, outro que fala algo e outro que ten o bico metido debaixo dunha ala, coma se estivera malo. Ti colle este último, ¡pero escoita ben como has facer! Alí haberá tres homes coma mortos, dous á entrada e outro un pouco máis atrás, ese é teu irmán… Colles auga da fonte máis alodada que alí vexas, bótaslle man ao paxaro, salpícaslle unhas pingadas na cara a teu irmán que ha de volver en si e escapades axiña porque se han cerrar as portas do castelo. Fixo ela todo canto aquel home lle mandou e, inda así houberon quedar presos pois cerráronse as portas cando ían saíndo, e inda lle colleron a levita ao irmán, pero ela cortoulla cunhas tesoiras que levaba e escaparon. O paxaro que levaron era a maior marabilla do mundo, pois non había cousa que el non falase, e tiña resposta para todo o que se lle preguntase. Tanto e tanto se falou da marabilla do paxaro e das demais que había na horta, que chegou aos oídos do rei, que tamén quixo ir ver. Andou mirando todo e, cando chegou diante do paxaro, este non quixo falar máis e meteu a cabeza debaixo dunha ala. Entón preguntoulle o rei por que facía aquelo e respondeulle o paxaro: -¡É porque ti vives enganado, e estás facéndolle unha insustiza á túa muller…! E foille contado todo o que pasara, e díxolle que para facer xustiza que tiña que queimar as prendas que mais quería. Quíxolle desatar as cintas aos fillos para ver se fiñan as estrelas pero non foi capaz. Entón o paxaro díxolle que fora buscar a raíña, pois era a única persoa que o podía facer. -Si -respondeu o rei -. ¡A pobre estará en cinzas! -¡Non! -respondeu o paxaro- A raíña é santa e está viva. O rei, ao oír aquelo, púxose louco de contento e mandou a escape por ela e desatoulles os tirelos aos filhos, que facían dez anos aquel día. A raíña quería que o rei lles perdoase ás irmás, xa que tanto lles quería, pero el respondeulle que todos os castigos eran pequenos para o que fixeran, e mandounas queimar tal como lle dixera o paxaro.

HARGUINDEY, H. E BARRIO, M., 1999 (4ª ED.): ANTOLOXÍA DO CONTO POPULAR GALEGO, ED. GALAXIA, VIGO.
GALICIA PARA SOÑAR (GALICIA DE CONTO) HÉRCULES DE EDICIONES.