
Este lema poderíase grabar na Casa do Concello de Ponteareas para defini-la forma de actuar do concello coas Xuntas de Montes en Man Común das Parroquias, dende que a lei de montes devolveu a propiedade e administración dos montes a os veciños. Ao pasa-los montes aos veciños o concello perdeu unha boa fonte de ingresos e entón ofrecéuselle como administrador, invertindo o 70 por 100 do valor da madeira cortada na parroquia, o 10 por 100 para un fondo de parroquias que non teñen monte e un 20 por 100 para o Concello. Ésta fórmula non parece mala, mais ten o atranco de que as obras fainas o concello co seu persoal e máquinas e as valoracións non son serias; podéndose rememorar as contas do Gran Capitán que escomenzaban así: “Por picos, palas y azadones, 100 millones, 10 mil ducados por guantes perfumados para perseverar a mis tropas del mal olor de los cadáveres enemigos…” Senón o creen, pregúntenlle aos de Arcos que de ver anunciada unha segunda corta de madeira por varios millóns de pesetas poñían o berro no ceo e foron ao concello recentemente, saindo un pouco máis tranquilos pero coa mosca detràs da ourella. A política municipal é de acoso e derribo das Xuntas Veciñais en Man Común que teñen a osadía de administrarse sen importarlle que para chegar a colle-los montes haberá fortes enfrentamentos entre veciños. Podemos sinalar tres exemplos: En Xinzo, a Xunta de Montes, co apoio da inmensa maioría da parroquia, saiu vencedor desta loita. O concello non lle concedía licencia de obra e eles asfaltaban sen licencia; o día seguinte das eleicions municipais ordenan pararlle unha obra e non fan caso. Agora xa lle conceden licencias de obras. Aos de Ribadetea tamén lle paran o asfaltado da pista de Sta. Cruz o mesmo día que en Xinzo. As mulheres, hábilmente, veñen pedirlle ao alcalde que deixe segui-la obra. Nestes días, os veciños de Cillarga impiden que os camions leven a madeira cortada coa disculpa de que fan daño á pista e que ten que axeitala a Xunta de Montes e afirman pola radio que llo dice o Alcalde. ¡E unha coña! di un comunero, antes non nos daba licencia para asfaltar, agora di que é a nosa obriga. Outro problema de enfrentamento entre parroquias dase entre Moreira e Nogueira polos montes. E seiñalaremos o último na propia vila, na que hai unha pequena subasta na Picaraña pola Xunta de Montes e o Concello oponse. Esta vai ser unha loita de forza que xa veremos onde acaba.
COMUNERO (PUBLICADO NA “A PENEIRA” ANO I – 1984)