
O SERE
Tras as primeiras semanas en Burdeos, Alejandro Viana trasládase a París e instálase no Hotel de La Bertha, na Rue Darcet. Negrín e Tafall deciden nomealo xefe da Sección de Emigración do SERE, que se ocupará de xestionar e organizar as expedicións de refuxiados cara aos países de acollida. Viana convértese nun dos principais dirixentes do SERE e responsábel da sección máis relevante do servizo, encargada dunha actividade trascendental: a organización do frete de barcos para trasladar os refuxiados a outros países nos que poder refacer as súas vidas. Viana asume a responsabilidade de confeccionar as listaxes de exiliados que evacuar, conseguir os visados e pasaportes dos países de destino, contratar os barcos e xestionar as pasaxes. Ten, ademais, que obter os permisos de residencia ou recoñecementos de nacionalidade, organizar a viaxe dos refuxiados até os portos de embarque, xestionar o reagrupamento dos que foran separados ao cruzar os Pirineos, e, por último, conséguelles roupas, alimentos e aloxamento durante a espera no porto, avalía as súas opcións de traballo nos países de destino e facilítalles as axudas para iniciar unha nova vida. Tras a súa designación, Viana rodéase axiña dos seus amigos. Luciano Vidán, Celina San Martín e Pastor Candeira incorpóranse de inmediato á Sección de Emigración e depois faino Isabel Napal, como mecanógrafa de Viana. A afillada de Vidán, Mercedes Orgaz, tamén se une de inmediato ao SERE. “Estaba constantemente en contacto por correspondencia con Celina e Luciano e con Viana. Recibín unha carta de Viana dicindome que se formara o SERE sostido polo Goberno español. Entón díxome que se conseguía chegar a París alí tiña emprego, aclarándome que non podía organizarme o traslado. Celina e Luciano estaban con el, ela como secretaria e el encargándose dos pasaportes. Isto foi no mes de abril. Pouco despois cheguei en tren a París, un taxi que me levou até o SERE, subín ao primeiro piso e atopeime con Celina e Viana. O meu traballo foi administrativo. Tiña que realizar todos os trámites necesarios que se cursaban ás autoridades e ás navieiras tratando de embarcar españois exiliados. Para poder moverme por Francia, Viana presentara unha listaxe de funcionarios do SERE nunha solicitude á Prefectura de París pedindo que lles deran un “laissez passer” que lles permitira permanecer na capital até que puideran ser incluidos nun embarque.” En realidade, para desfrutar desa liberdade de movementos, a embaixada de México expídelles a Viana e ao persoal do SERE un documento de identidade cun visado especial do Ministerio de Interior francés.
ROBERTO MERA COVAS