
Era o rei e a reina de un país, que non tiñan fillos, i estando un día a reina asomada no balcón viu pasar por baixo un lagarto e dixo: -Quen me dera ter un fillo, anque fora como ese lagarto. En efeuto, saliu embarazada e no seu tempo deu a luz un rapaz igoal a un lagarto. Pasaron anos e un día o príncipe lagarto díxolle á súa mai: -Eu quérome casar. -¿E con quen te vas casar, queridiño? É millor que se che tire esa ideia da cabeza porque ó fin niguén te vai querer. E contestoulle o príncipe: -Boeno. Eu quérome casar. I entón a mai foi falar con tres irmás que eran moi probes para ver se querían o seu fillo. E como as tres dixeron que sí, propúxolles a reina que a que resistise os beixos do príncipe aquela había ser a que casara. Foi a máis vella e ó chegarlle o lagarto onde o peito xa quedou desmaiada. Foi a segunda e pasoulle o mesmo, e foi a máis nova e dixo: -Pois eu hei resistir. E así pasou. O lagarto subiu, baixou, e beixouna canto quixo, i ela tan campante. Chamaron os padriños, foron onda o abade, e casáronse. E pro outro día da voda a reina faloulle á súa nora: -¿Que tal pasaches a noite, miña filla? -Moi ben. ¡Ai si vira que mozo bonito é o príncipe cando se quita de noite a pelica do lagarto! I entre as dúas ordearon de que cando il estivera durmindo roubarlle a pelica e queimarlla para que non a volvera a pór, e de esa forma andivera sempre como os demais homes. E así o figueron. Mais á maná perguntoulle o príncipe á súa muller: -¿Onde me puxeches o vestido? -Eu non che sei de il. -Pois xa que non sabes nada, ou mo tras ou marcho polo mundo adiante. E o príncipe fuxiu da casa e botouse polo mundo adiante sen saber onde iba parar, mais tivo a sorte de meterse nun reinado onde falou ca filla do rei e namoráronse un do outro. E a muller do príncipe andaba toda desgustada sen saber do paradeiro do seu home e botouse a buscalo por un lado e polo outro. Indo de camiño alcontrou unha muller vella que lle perguntou: -¿E logo pra onde vas? -Vou buscar ó meu marido que se me marchou. -Pois mira, marcha de présa que o teu home vai casar ca filla do rei de aquil reinado. E ti has facer de esta maneira: colle esta mazá, esta pera e esta laranxa e vai pórte nas escaleiras do pazo do rei. E primeiro abres a mazá e sairache unha roca e un fuso de ouro e brillantes e ti has fiar coíles hastra que pase a noiva do teu marido, e cando che diga se vendes o fuso e a roca, ti dislle que non, e que soio llos das se che deixa dormir unha noite co seu mozo. A muller do príncipe foi andando e chegou ó pazo do rei e púxose nas escaleiras co fuso e a roca, e pasou todo asegún dixera a vella. Non lle gostaba moito á filla do rei que aquela muller se deitara co seu home, mais por fin, como se lle antoxaran a roca e o fuso, deixou que dormiran xuntos. Mais á noitiña, a princesa deulle ó príncipe lagarto unha auga dormideira pra que en toda a noite non falara coela. Deitouse a muller na cama co seu home e díxolle: -¿Pero ti non me conoces? Mira que son a túa muller de denantes, a que che queimou o vestido. Fálame, non me mates porque xa ando moito tempo perdida sen saber de ti. Mais il dormía e non lle contestaba. Veu a mañá e ela egueuse e il quedou sen saber nada do que pasara. I ela entón volveu á escaleira do pazo e abriu a pera e sacou un sarillo de ouro e brillantes, máis bonito aínda que a roca e o fuso, e púxose a ensarillar e cando pasou a princesa e antoxóuselle o sarillo, ela díxolle que non llo daba se non a deixaba dormir outra vez co seu noivo. E deulle o permiso. Mais volveron a pasar as mesmas cousas que a noite anterior porque a princesa tamén lle deu auga dormideira ó seu mozo, e a pesares de que a muller toda se mataba a falarlle il non lle contestaba cousa ningunha. I ergueuse e marchou con moita pena. Pero o goardia que gardaba o pazo díxolle ó príncipe que xa había dúas noites que estaba coíl unha muller na cama e que lle falaba e lle decía se non se acordaba de cando estaban casados, se non a coñecía e que se fose coela. Entón il deuse de conta de que era a súa primeira muller. Entrementres ela volveu pórse na escaleira do pazo e abriu a laranxa, que era o último que lle quedaba, e sacou unha debandoira de ouro e brillantes. Pasou a filla do rei, viuna e antoxóuselle, mais a muller díxolle que non lla daba se non a deixaba dormir outra noite co seu mozo. E a princesa respondeulle que si. Mais de aquela o príncipe, en vez de beber a auga dormideira, botouna polo peito abaixo. I estando na cama volveu a profiarlle se non se acordaba de ela e de aquiles tempos pasados. Que lle falase, que non a fixese sofrir, que se non lle falaba aquela noite que ela xa estaba perdida. Il ben ouvía, mais non lle decía nada nin llo dixo tampouco en toda a noite. Cando foi día, o príncipe ergueuse e marchou xunto ó rei de aquil reinado e falaron. E dixo o príncipe: -Eu teño un baúl e perdinlle as chaves e agora figuen outras novas. Súa Maxestade me dirá coales son millores, as que tiña ou as que figuen novas pra mesma pechadura. E o rei respondeulle: -Millores son as que eran nativas do baúl. E contestou o príncipe: -Eu era casado, deixei a muller e vin por aiquí, mais agora apareceume a muller. Xusto é que me marche coela e que deixe á súa filla. O rei quixo mudarse, mais por fin tivo que cumplir o que denantes dixera e deixar ó príncipe lagarto que marchara na compañia da súa primeira muller.
HÉRCULES DE EDICIONES (LÓPEZ CUEVILLAS, F. E LOURENZO FERNÁNDEZ, X., 1930: VILA DE CALVOS: NOTAS ETNOGRÁFICAS E FOLKLÓRICAS, SEMINARIO DE ESTUDOS GALEGOS, SANTIAGO DE COMPOSTELA.