
AS PRAIAS DA INFÂMIA
A vaga de refuxiados tras a caída de Catalunya, na que se mesturaban civís e soldados derrotados do exército regular republicano, é o éxodo máis importante producido até ese intre nunha fronteira francesa, pero non era o primeiro. Durante a guerra unhas 160.000 persoas fuxiran a Francia; moitas regresaran a territorio controlado pola República, pero unhas 40.000 ficaran xa exiliadas. Desta volta, centos de milleiros de persoas cruzan en pleno inverno as rotas de montaña baixo a neve, cargadas coas súas pertenzas, a maioría a pé, pero tamén en coches, camións e carros. Esa marea humana entra en Francia a través dos postos fronteirizos de Girona, pechados inicialmente e logo, ante a presión do éxodo, abertos aos civís e aos militares desarmados. En apenas doce días, antes de que as tropas franquístas acaden todos os pasos fronteirizos, medio millón de refuxiados logra pasar a Francia, incluída a práctica totalidade do exército republicano de Catalunya. O éxodo é repentino, improvisado e caótico. Francia non ten ningún dispositivo deseñado para acoller os refuxiados e limítase a adoptar medidas para manter a orde e a seguridade. A única previsión fora a realizada polo Goberno de Negrín, que, a mediados de xaneiro, tras a toma de Tarragona polas tropas de Franco, solicitou a Francia que admitise un continxente de 150.000 refuxiados civís, petición que foi rexeitada polo Goberno francés, só disposto a aceptar un número reducido de nenos e nenas. Nas vagas vividas durante a guerra os refuxiados foran aloxados en igrexas, castelos, casas particulares ou vellos edifícios públicos, como prisións, sanatorios ou escolas. Nesta ocasión, dadas as dimensións do éxodo, a maior parte dos exiliados son internados en campos de refuxiados, coñecidos como campos de concentración. En realidade son praias cercadas con arame farpado. As familias sofren a política de dispersión: as mulleres, crianzas e anciáns son conducidos a localidades do centro e do oeste de Francia, mentres que os varóns adultos son recluídos nas praias das localidades próximas á fronteira. As autoridades francesas habilitan dez campos en Francia e seis no norte de África onde son confinados uns 250.000 refuxiados. Neles vivirán durante meses, e incluso anos, en condicións infrahumanas, con escaseza de alimentos, en moitos casos sen teito e en ausencia das máis elementais medidas hixiénicas. Miles deles morrerán. As cifras das praias de Saint Cyprien, con 90.000 refuxiados, e de Argelès-sur-Mer, con preto de 80.000, axudan a comprender a magnitude do sufrimento, da degradaçón e do trato inhumano que os republicanos experimentan neses terroríficos meses do xélido inverno de 1939. Os refuxiados vense obrigados a cavar buracos na area para protexerse do vento e das inclemencias do tempo; as pésimas condicións sanitarias da auga provocan epidemias como a disentería e a sarna; os piollos esténdense sen control, e o reparto caótico de alimentos dá lugar a humillantes situacións nas que os exiliados pelexan por conseguir algo que levar á boca.

ROBERTO MERA COVAS