.

Había naqueles tempos unha rapaciña moi fermosa e moi boa, chamada Aladina. que entrou a servir no palacio de El Rei. Axiña atopou graza nos ollos dos seus amos; pero era obxecto de envexa por todos os demais domésticos. A ela encomendábanlle os traballos máis arduos e penosos, ameazándoa de continuo con denunciala e facela odiosa a El Rei. -Vaite -dixéronlle un día- lavar esa roupa ao río. Se non a tes hoxe toda branca coma a neve, co ferro pasado e tersa coma un espello, a cólera do Rei caerá sobre ti. A roupa era tanta que cargaba un enorme carro, que foi conducido por unhas vacas á beira do río. Ao chegar, a mociña ceibou as vacas para que pacesen e sentouse chorando. -¿Como é posible -dicía- que lave tanta roupa? Se non a lavo, hanme matar. Estaba cos ollos fixos nas augas, cando viu saír delas un paxaro, que, sacudindo as ás, lle dixo: -Rapaciña, ¿por que choras? -Porque teño que entregar hoxe lavada e co ferro pasado toda esta roupa; se non, hanme matar. -Non te aflixas; chama ás vacas e dilles: Vacas miñas, cos cornos lavade, e coas patas o ferro pasade. A rapaza, obedecendo, dixo: -Vacas miñas, cos cornos lavade, e coas patas o ferro pasade. E as vacas en poucos intres lavaron e pasaron o ferro a toda aquela rima de roupa. Os criados, cheos de admiración e rabia, ao veren volver a Aladina airosa da súa empresa, dixéronlle: -Agora é mester que vaias buscar a cama dos dous xigantes que habitan debaixo do palacio. Aladina, sentada á beira do río, dicía suspirando: -¿Como hei de buscar e traer a cama dos xigantes? De improviso, saíndo de entre as aguas o paxariño, preguntoulle: -¿Por que choras, meniña? -Porque me mandan ir buscar a cama dos xigantes. -¡Ánimo, Aladina! Colle un saco e éncheo de chinches e pulgas. Ás once da noite sairán os xigantes da súa caverna tomar o fresco. Naquel momento entra co teu saco e baléiralo sobre a súa cama, agochándote logo tras a porta. Cando eles se teñan deitado, rabiosos polas mordeduras de tanto insecto, collerán a cama e arrebolarana tras a porta. Bótalle entón a man e para a casa con ela. Fíxoo así a rapaza, e levou a cabo a súa empresa, volvendo a palacio coa cama dos xigantes. Outro día dixéronlle: -O fillo do Rei está encantado desde que un anel lle caeu ao río. É mester que busques o anel no fondo das augas. Choraba a rapaciña, sentada na beira, sen saber como alcanzar a prenda que lle esixían. Pero o paxaro protector veu na súa axuda. -¿Por que choras, Aladina? -preguntoulle. -Porque non podo coller do fondo do río o anel do fillo do Rei. -Non te apures: trae un frasco e unha navalla. Logo que Aladina volveu con estes obxectos, dixo o paxariño: -Córtame o corpo en anaquiños pequenos e méteos no frasco, coidando de que non se perda nin unha soa gota de sangue. Guinda logo o frasco ao río e axiña volverá subir traendo o anel dentro. -¡Non ho!, eu non te matarei, meu paxariño. -Non temas, volverei vivir. Obedeceu a rapaciña con repugnancia; pero ao dividir o corpo da ave caeulle ao chan unha pinga de sangue. O frasco, lanzado ao medio do río, non tardou em subir á superficie e achegarse á beira, onde o colleu a moza, que deu un berro de alegría, ao atopar dentro o desexado anel. Mais non por isso se desfixo o encantamento do príncipe nin se soubo o paradoiro deste. Os criados do Rei, ao veren a Aladina sempre triunfante das súas empresas, propuxéronlle a aquel que a mandase ir buscar a caixa que gardaba un vello máxico, e sen a cal non se podía desfacer o encanto. A rapaza, cando se lle intimou esta terrible orde foi, segundo costume, desafogar con bágoas as súas penas á beira do río. O paxaro protector, vivo xa, aparecéuselle novamente, e díxolle: -Non chores, Aladina. Toma unha vasoira, un pedazo de carne e unha vasilla con auga, e vai ao castelo do feiticeiro. Antes de chegar á porta, atoparás uns leóns que custodian a entrada; dálles a carne, e deixarante pasar. Máis adiante hanche sair ao paso uns tigres, dálles de beber e non che han facer dano. Ao chegares á porta, verás un vello que, sentado sempre sobre unha arca, estará asomado á ventá. Pídelle un pouco de pan, e non te retires ata que se levante para darcho. Aproveita o momento no que a arca queda soa; empuxa a porta, limpa coa vasoira o po e arañeiras que cobren a tapa da arca, e abrindo esta, colle ao punto a caixa que has de atopar dentro e fuxe. Aladina, provista de vasoira, carne e auga, encamiñouse cara ao temeroso castelo. Ofreceulles a carne aos leóns e aos tigres a auga, e chegou á porta. -Unha esmola por amor de Deus, berrou mirando para o vello que estaba na ventá. -Vaite, rapaza, rosmou el. ¿Como chegaches ata aquí? -¡Señor, unha esmola por amor de Deus! -Toma -díxolle o vello mostrándolle unha pequena moeda. -Pan, deame pan, que teño fame. Por verse libre da importuna, levantouse o ancián buscar o pan; entrementres Aladina empurrou rapidamente a porta, que se abriu sen dificultade, pasou a vasoira sobre a arca, abriu a tapa e colleu a caixa que atopou dentro. O vello, ao vela fuxir, berrou: -Arca miña, arráncalle o teu tesouro. -Non quero -respondeu a arca-; ti tíñasme sucia de po e arañeiras, e ela limpoume. O vello bramaba: -Tigres, matádea. -Non queremos -responderon-; ti deixábasnos morrer de sede, e ela deunos auga. -Leóns devorádea. -Non queremos; ti tiñasnos famentos, e ela deunos de comer. Aladina entregou a caixa dos encantos ao Rei, e este abríndoa en presenza de todos, atopou dentro unha caixiña; dentro desta, outra e outras sucesivamente, ata chegar a unha moi pequena. Desta saíu un paxariño, que instantaneamente, a vista de todos, se transformou nun gallardo mancebo, no que os presentes recoñeceron ao fillo do Rei. -Aladina, ti desencantáchesme, dixo o príncipe: o encanto que me detiña, non se podía desfacer, por mor de ter caído ao chan unha pinga de sangue do paxaro que metiches no frasco en anacos, a cal foi recolhida nesta caixa. Ti venciches todos os obstáculos, a ti déboche a vida, e quero premiarte facéndote a miña muller. A fermosa Aladina casou co fillo do Rei, con admiración e envexa de todos os pacegos.
SACO Y ARCE, J. A., 1987: LITERATURA POPULAR DE GALICIA. DEPUTACIÓN PROVINCIAL, OURENSE (EDICIÓN E ESTUDO PRELIMINAR DE J. L. SACO CID).