Arquivos diarios: 22/04/2022

ROBERTO MERA COVAS (HOMENAXEM A ALEJANDRO VIANA) (5)

“Durante a estancia de Viana en Valencia producese un relevo trascendental na Presidencia do Goberno: Juan Negrín substitúe a Largo Caballero en maio de 1937. A partir dese intre o galego Osorio Tafall eríxese nunha das persoas de confianza de Negrín. Tafall e Viana son íntimos amigos dende hai anos. Ademais de compañeiros de partido, Viana é padriño dunha filla do exalcalde de Pontevedra. Tafall é designado por Negrín comisario xeral de todos os exércitos no Ministerio da Guerra ao que se incorporan un amplo grupo de galegos, amigos e coñecidos de Tafall e de Viana. (…) En Valencia, Viana mantén a súa actividade como deputado e participa nas sesións das Cortes, que ao princípio se celebran na Casa do Concello. Os graves danos que o edifício sofre polos bombardeos da aviaçón franquista obrigan a trasladar as reunións á lonxa da cidade, onde en outubro participan cento sesenta e sete deputados e se lembra os trinta e oito caídos pola causa republicana. (…) O 31 de outubro de 1937 o Goberno e as Cortes trasládanse de Valencia a Barcelona, e Alejandro Viana instálase nun aloxamento rexentado por Enriqueta Puig. Dende a capital catalana desprázase con frecuencia a Francia para mitigar os efectos do desabastecemento e evitar a inflaçión galopante, o racionamento e o estraperlo que soporta a zona republicana. A súa boa situaçión económica permítelle conseguir produtos de primeira necesidade no país galo. Viana, que mantén elevado o estado de ánimo, (…) Durante o ano 1938 as tropas golpistas avanzan imparábeis e a presión sobre Catalunya e Barcelona aumenta. Viana vive as frecuentes incursións das aviacións italiana e alemá sobre a cidade e sofre os brutais bombardeos do mes de marzo que causan máis dun milleiro de mortes entre a poboaçión civil e provocan unha ampla condena internacional. Para evitar os ataques aéreos, as Cortes reúnense ao longo do ano en diferentes lugares, manténdoos en segredo até o intre da súa celebración. En Montserrat, no refectorio do seu mosteiro. Viana e o resto de deputados sentan nos bancos da capela en presenza de diferentes parlamentários estranxeiros convidados. Na sesión apróbanse dúas declaracións asinadas por Alejandro Viana e outros dezaoito deputados, nas que se eloxia o Exército e se felicita o Goberno polos triunfos militares acadados, ratificándolle a confianza do Parlamento para que persista na estratexia da resistencia custe o que custe. Para Negrín, resistir é vencer. O presidente do Goberno está convencido de que unha guerra europea é inevitábel e de que, na medida en que a Guerra Civil se prolongue até o seu estourido, a República terá posibilidades de acadar o apoio das potencias occidentais que até ese intre mantiñan a súa política de non intervención.”

ROBERTO MERA COVAS