Arquivos diarios: 25/03/2022

O COOPERATIVISMO (UNHA POSSIBILIDADE PARA A GALIZA)

Para os problemas económicos -o mesmo que para os culturais e para moitos outros- non hai fórmulas máxicas que os resolvan. Se as houbese non estaria atravesando o mundo e a nosa Terra a grave crise de falta de traballo, unha das máis fondas eivas da sociedade de fin do século vinte. Buscar remédios a estes problemas, dar ideas para axudar a resolvelos, penso que ten a sua importáncia e que merece a pena, ainda que somente sirva para clarexar ideas. Pois ben, eu penso que o cooperativismo é um sistema sócio-económico que pode axudar a remediar moitos dos fallos da sociedade actual. Nacido nunha etapa de crise, cando a primeira Revolución Industrial deixaba sen traballo a moitedumes de obreiros, aquelas circunstáncias aseméllanse ás actuais, ainda que agora temos certas melloras de seguros sociais que, de todos modos, non son unha solución, senón simplesmente panos quentes para unha cuestión agobiante para moita xente. O cooperativismo moderno naceu con a Cooperativa Inglesa de Rochdale no 1844, cando un grupo de obreiros teceláns en paro, decidiron conxuntar esforzos para abaratar os bens de primeira necesidade. Aquela cooperativa creou un corpo doctrinal que foi a base de todo o cooperativismo que veu despois… Unhas cantas ideas sinxelas, pero fundamentais abondaron para cimentar o futuro movemento cooperativo. Foron estas: 1ª- Control democrático da sociedade cooperativa. Un home, un voto; Tódos os sócios da cooperativa teñen os mesmos dereitos e os mesmos deberes. 2ª- Entrada libre. A cooperativa non debe pechar as portas aos que queiran entrar nela como sócios solidários. 3ª- Pago dun interés militado ao capital. 4ª- Retorno dos excedentes aos sócios en proporción á sua actividade, isto é, ás suas compras, pois a de Rochdale era unha cooperativa de consumo. 5ª- Compra e venda de produtos ao contado. 6ª- Pureza e calidade dos produtos. 7ª- Educación dos seus membros. 8ª- Neutralidade política e relixiosa. O cooperativismo debe ensinar a cooperar. Ven a ser un “Círculo Virtuoso”, o cooperativismo cooperativiza.

AVELINO POUSA ANTELO (PUBLICADO EM “A PENEIRA” ANO I – 1984)