ARAGONTA, RAINHA DA GALIZA (II)

O Boletín Eclesiástico do Bispado de Tui, con data do quinze de Abril de mil oitocentos sesenta, facendo unha análise das casas relixiosas que houbo na diócese, sinala a chegada de Doña Aragonta a esta zona do Condado, arredor do ano 923. Ó mesmo tempo que construia o mosteiro, xuntaba monxas, consagraba a igrexa e dotaba axeitadamente a casa, distribuía entre outras obras pías os seus bens: Ó Mosteiro de S. Lorenzo de Carboeiro deu o lugar de Adcanario, que recibira do rei de Galicia, D. Sancho, en troques de algunhas granxas que constituían parte do dote que lle sinalara D. Ordoño II, segun a costume daqueles tempos. O repouso que acadara a piadosa dona no seu retiro de Salceda, veu-se turbado no ano 964. Por aquelas datas, os habitantes da terra do Salnés, e especialmente os de Noalla, Longa, Loba Morta, Dena, etc…, apoderandose inxustamente daquelas aldeas e nos seus arredores construiron salinas. Acudiu o conde D. Paio, irmán de Doña Aragonta, que fixo presos a aqueles ousados usurpadores. Por mor deste feito, celebrouse unha xunta à que asistiu o Bispo de Santiago, D. Sisnando; a condesa Doña Ilduaria, que tinha a Torre de Lobeira, e Mendo Menéndez. Tamén concurriron Doña Aragonta e os ladrons das terras. Decidiuse que con todas as salinas se fixeran dez partes: unha para o Mosteiro de Camanzo, outra para o de Salceda, outra para o de Celanova, unha cuarta parte para o de Vilanova da Condesa, fundado por Santa Ilduaria, nai de S. Rosendo, outra para o de S. Lorenzo de Nogueira, en Meis, fundado polo conde D. Paio, e para os de Piloño, Lantaño, Pesegueiro e Carboeiro, catro para os homes que fixeran as salinas, e unha para o conde D. Paio e Doña Aragonta e os seus herdeiros. De volta a Salceda, a virtuosa dona entrégase cada vez com mais forza ás prácticas de devoción -Quae sanctan vitam ducebat, di de Doña Aragonta o autor da vida de San Rosendo, pubricada polo P. Flórez, T. XVIII da Esp. Sag.- redobrando os seus esforzos para que fose mais abundante a colleita de méritos que a morte non ia tardar xa en segar. Polo ano 977 finou santamente a mulher que levara unha vida santa, e, como di o P. Flórez, mais groria e tesouros topou no seu retiro de Salceda que nos rexos pazos. A Igrexa, cos seus bens, foi xunguida mais tarde á Dignidade Episcopal. Nun discurso lido na Universidade de Santiago na inauguración do Curso Académico 1923-24 polo Presbítero Dr. D. Pascual Galindo Romero, no que historiaba o Señorío de Tui, aportou uns documentos, confirmando esta donación de Alfonso IX no ano de 1215. Desde entón os vestixios do agrexio pasado fóronse facendo cada vez mais borrosos. O sartego de Doña Aragonta ó parecer foi moito tempo conservado por mans garimosas. É unha verdadeira mágoa que non chegara ata nós algún resto, quizabeis perdido nos alicerces das obras realizadas nos anos seguintes. Queda tamén por averiguar a ubicación exacta do mosteiro nas terras circundantes á Igrexa parroquial, da que a súa porta norte inda hoxe chámanlle “da raiña” os veciños do lugar.

ANGEL S. PORTO UCHA (PUBLICADO NA PENEIRA – ANO I – 1984)

Deixar un comentario