
Nos primeiros días da rebelión militar Viana é testemuña da confusión e do caos que reina na capital do Estado, onde miles de civís se moven polas rúas armados evitando a extensión da sublevación. Tras a dimisión do presidente Casares Quiroga, o novo Goberno presidido por José Giral decide armar a poboación civil. Dende Madrid, cuxa conquista se converte en chave para o futuro da guerra, comunícaselles a todos os Gobernos Civís a orde de distribuíren as armas, pero en moitos casos a instrución chega tarde. O subsecretario de Gobernación, Osorio Taffal, encárgase de transmitirlles aos catro gobernadores galegos a necesidade de constituír os Comités de Defensa da República en cada cidade e vila para que se ocupen de requisar armas, recabar información relativa aos grupos dereitístas e paralizar o traballo declarando a folga xeral. En Ponteareas, Javier Estévez Viana, un dos sobriños acollidos na súa infancia por Alejandro Viana, ocúpase da requisa de radios, vehículos e armas. Mentres, en Vigo, o capitán Carreró dá lectura ao bando que declara o estado de guerra. Os enfrontamentos son duros no centro da cidade, con varios mortos. Os militares asaltan a Casa do Pobo e o Concello e deteñen e fusilan o alcalde e outros destacados membros da Frente Popular. Conforme avanzan as horas, a resistencia retrocede até o barrio de Teis e os enfrontamentos armados teñen lugar a carón da casa de Alejandro Viana, con Josefina Dotras como testemuña. A resistencia en Vigo, en Ponteareas e no resto de Galicia acaba sucumbindo diante da superioridade dos militares, e o seu esmagamento dá paso á represión brutal, ás torturas e aos asasinatos, aos “paseos” e ás represalias. Numerosos amigos de Alejandro Viana, cos que compartira actividade política durante anos, son asasinados nesas semanas de horror: Telmo Bernárdez, Santomé, Emilio Martínez Garrido, Enrique Heraclio Botana, Antonio Bilbatúa, Alexandre Bóveda e Eugenio Arbones, entre outros moitos. Os golpistas seguen estritamente as consignas lanzadas polo xeneral Mola: propagar unha atmosfera de terror, crear unha impresión de dominación e fusilar a quen aberta ou secretamente sexa defensor da Frente Popular. Nese clima de persecución e atrocidades desenfreadas, as familias dos dirixentes republicanos non están a salvo e sofren toda clase de represalias. (…) A vaga de terror esténdese por todas as cidades, vilas e parroquias galegas. En Ponteareas, os membros do Comité de Defensa da República son o principal albo dos fascistas: o alcalde Benito Casasnovas e o deputado provincial Ramón Troncoso “Pielroja” logran fuxir por Portugal; o concelleiro Herminio González Cobelo é asasinado, e o sobriño de Viana, Javier Estévez, logo de permanecer agachado case dous meses, é descuberto o 14 de setembro e conducido á Casa do Concello. Alí os seus verdugos tortúrano brutalmente arrincándolle as unhas, perforándolle os pulmóns con agullas e amputándolle os xenitais antes de executalo no cemiterio de Ponteareas. Os seus arrepiantes berros quedan gravados por décadas na memoria colectiva da vila, Javier Estévez tiña 33 anos e catro fillos de curta idade. Tan só tres días despois, o 17 de setembro, o seu irmán Manuel Estévez morre en combate en Casar de Escalona (Toledo) deixando orfos os seus fillos Alejandro e María Rosario. Viana asumirá a súa tutela legal e non será a única: Enrique Blein, o primeiro alcalde republicano de Vigo, dende o cárcere e no seu leito de morte, designa os seus amigos Alejandro Viana e Eugenio Fadrique tutores dos seus sete filhos menores de idade, antes de falecer a finais de 1936.

ROBERTO MERA COVAS