
O ARREPÍO DA MORTE
18 de xullo de 1936. Tras meses de conspiración, a trama encabezada polo xeneral Mola perpetra un golpe de Estado contra o Goberno da II República Española, pero o levantamento militar fracasa ao atoparse cunha inesperada resistencia. Unha longa guerra dá comezo. Ao deputado republicano Alejandro Viana Esperón a insurrección sorpréndeo en Madrid. Na véspera participara no acto oficial de entrega ao presidente da República, Manuel Azaña, do proxecto de Estatuto de Autonomía de Galicia recén aprobado en referendo. Esa mesma noite, mentres se precipita a rebelión militar en África, os presidentes das deputacións galegas, alcaldes de varias cidades e outros deputados regresan en tren a Galicia. Alí, moitos deles, coma o alcalde de Vigo, Martínez Garrido, ou o de Santiago, Anxel Casal, atopan a súa morte a mans dos sublevados. Alejandro Viana e os seus amigos tamén deputados Bibiano Fernández Osorio-Tafall, Alfonso Daniel Rodríguez Castelao e Ramón Suárez Picallo quedan en Madrid e salvan a súa vida. Cando estoura a guerra, Viana, aos seus 59 anos, atesoura xa un intenso periplo vital no profesional e no político. Nado en 1877 na pequena vila galega de Ponteareas, no seo dunha humilde familia, abrírase camiño por si mesmo na puxante cidade de Vigo de finais do século XIX, até converterse nun relevante persoeiro do empresariado, da política e da sociedade viguesa: industrial da conserva e da exportación de ovos en Galicia e Portugal, dirixente do Partido Republicano Vigués, home forte do goberno municipal do alcalde Gregorio Espino na década dos anos vinte, cofundador do xornal “El Pueblo Gallego e do Ateneo da cidade, directivo do Círculo Mercantil ou presidente de Tranvías de Vigo. As súas relacións familiares e sociais tiñan sólidos alicerces: casara con Josefina Dotras Fábregas, de familia catalá con longa tradición empresarial na salgadura e a conserva, con quen non chegara a ter fillos, pero compartira o reto de acoller e coidar dende cativos seis sobriños desamparados. Viana, ademais, tecera durante décadas unha rede de estreitas relaçións con personaxes sobranceiros no ámbito intelectual, político e económico de Galicia e Portugal. O seu compromiso democrático e republicano levárao a ser o anfitrión do expresidente da República Portuguesa, Bernardino Machado, no seu exilio galego, e a incorporarse na II República ao partido de Manuel Azaña, Izquierda Republicana. Viana preside a súa agrupación provincial en Pontevedra, fai parte da candidatura da Frente Popular nesa provincia nas eleccións de febreiro de 1936, é o candidato máis votado na súa cidade de adopción e acada a acta de deputado nas Cortes Españolas. Aquela noite do 17 de xullo nada lle facía presaxiar que esa vida plena e intensa puidese truncarse de forma brusca e que os seus plans de futuro, a súa posición e estatus, as súas relacións familiares e sociais ou o seu vencello co seu país e coa súa cidade se fosen derrubar de súpeto dando paso á traxedia e ao drama. Viana visitara a súa familia en Vigo o 28 de xuño de 1936 para votar a favor do Estatuto de Autonomía. Nunca máis volverá pisar a súa terra e o seu fogar.

ROBERTO MERA COVAS