ARAGONTA RAINHA DA GALIZA

Galicia é un dos exemplos de pobos, nos que intentar facer historia ofrece poucos pontos de partida, e está a cotío interrumpida por grandes lagoas. En muitas ocasións o único que se conserva som novas incompletas polas que se fai moi difícil capta-lo pasado e poder chegar a comprendelo ó traveso do vidro do presente; de manter ese necesario proceso continuo de interacción entre o historiador e os seus feitos. Algo disto acontece co tema que estamos a tratar. O que nos din as antigas crónicas sobre a rainha Doña Aragonta, fundadora do Mosteiro de Santa María de Salceda, é moi pouco. Nun artigo pubricado no Faro de Vigo o 11-04-1982, adiantabamos que a devandita raiña era filha dos nobres condes D. Gonzalo e Doña Tareixa, fundadores dos mosteiros de Carboeiro e Camanzo, emparentados coa familia de San Rosendo, quen despois de renunciar ás inquedanzas da Sede Episcopal de Compostela, recolheu-se no seu Mosteiro de Cela-nova, do que foi abade desde o ano 959, data na que morre o primeiro abade Franquila, hoxe no catálogo dos santos, ata o ano 977 no que morreu. O noso interés móvese hoxe na percura dunha expricación obxectiva sobre a súa determinación de elexir precisamente Salceda, despois do acto altamente reprobado e escandaloso do seu home D. Ordoño II de abandoa-la súa dona para vencellarse coa Doña Sancha, filha de D. García Sánchez, rei de Navarra. Non podemos esquecer que Salceda está encravada nunha fértil terra que dista como legua e meia da cidade de Tui. Dentro do conxunto de casas, castelos, mosteiros e vilas que na Edade Media estaban integradas no señorío eclesiástico da cidade do Miño, a antiga Saliceta forma, xunto cos realengos de Soutelo e San Xoán dos Paramios, co Mosteiro de Bodiño e o castelo de Entenza, un cuadro no que se van pousar doadamente os ollos da nobre dona, que véndose abandoada, tentou de buscar un Home mais fidel, de se retirar a um lugar tranquilo, aleccionada xa da fraxilidade das cousas humans. Non é de extrañar, pois, que arredor destes lugares, tinxidos de silencio e beleza, de xente humilde e traballadora, xurdiran os pazos señoriais dos Aballe, Pegullal, e Picoña. O derradeiro, foi construido durante o reinado de Felipe II, no ano 1590; co seu claustro alto e o seu portal labrado a cincel, é um dos mais ridentes que esmaltaron a nosa incomparable terra galega, e a él van xunguidos os apelidos ilustres dos Troncoso e Liria, moi coñecidos nas revoltas do antigo Reino de Galicia, e ós que S.S. Gregorio X concedeu varios privilexios.

ANGEL S. PORTO UCHA

Deixar un comentario