
Hai a quen lle gosta ir contra corrente: se a povoación da comarca baixa debido á política económica dos gobernos franquistas e da UCD, que primaban -malprimados- as indústrias de enclave e as concentracións de empresas en determinados lugares (Vigo, Porriño), non importa. O que si importa e pasar á história como o alcalde que fixo as cousas máis grandes (praza da música que poucos concellos no mundo teñen, alumeado público para a estrada xeral e nada para as parróquias, compra do castelo de Sobroso…). Ben, e se baixa a povoación, non importa, fagamos unha sociedade para reconstruir o Gran Hotel e oferezamos postos de traballo a todos os que se fagan accionistas. Porque disto último si que houbo, non veñan agora a desmentilo na rádio, fóra xa de prazo, cando as protestas dos tristeiramente famosos van ser ouvidas no Brasil, en Venezuela, lugares nos que van ter un eco total… Non vai haber postos de traballo e, ao que parece, o Gran Hotel vai seguir como está: derrubado. Pero xuntando a Deus co Demo, Castro firmou un contrato cos donos do Gran Hotel para que fose vendido á sociedade que estaba a formar. Foi só unha opción de compra, ante notário e os concellos da comarca ian ser accionistas. O compromiso era pagar, se mal non lembramos, vinticinco millóns ao firmaren a operación e logo prazos de millón e medio cada mes, até completar os aproximadamente oitenta, que foi o precio fixado. Aos meses, vendo o señor Castro que non daba xuntados os cartos, fixo unha viaxiña á América, á percura de accionistas para o evento. Sábese que o que tiña máis posíbeis de todos, dono de dúcias de estabelecementos hosteleiros en Venezuela, non quixo participar. Asi, o pago de millón e medio mensuais viase mouro. Que se saiba, nen siquera a sociedade Promotora do Turismo do Condado está inscrita legalmente. Existe unha “Constructora do Condado”, que é a que en primeiro está a levar as cousas da compra do Gran Hotel. Para remediar isto, houbo unha xuntanza en Ponteareas o pasado dia 16, á que tiñan que asistir todos os accionistas. Pero resulta que non todos foron. Nen moito menos. Nen os apoderados dos que hai en América. O notário non quixo levantar acta da xuntanza e a cousa segue como antes, co cruño do Concello de Ponteareas na firma do contrato de opción de compra, com case trinta e un millóns desembolsados e de seguir así, perdidos. Da xuntanza, que non a houbo, nada saiu. Temos testigos directos do que aconteceu. Claro que os meios de información fianse máis do que poida dicer o señor Castro e unha emisora de rádio explicaba que todo estaba en marcha ao dia seguinte. Nada está en marcha, todo segue parado e moitos pequenos accionistas, homes que gastaron os aforros dunha vida a cámbio dun posto de trabalho poden verse sen nada.
XOSÉ CURRAS (PUBLICADO NA PENEIRA – ANO I – 1984)