
“A Gavela do Guillade”. Relembreino ao andar encerellado na lectura dos volumes dos días negros de Xoán Carlos Abad Gallego, Días negros (2015), Máis días negros (2017), ambos publicados polo Instituto de Estudos Vigueses. No primeiro deles, o autor danos relatada conta do carlista-guerrilleiro-bandoleiro-foraxido…, é o que ten perder as guerras que sempre quedas mal, Mateo Guillade, que acadou mítica e incerta fama durante os anos iniciais da Primeira Guerra Carlista (1833-1840). Pouco sabemos do xefe da partida da “Causa Tradicionalista”. Seica fora seminarista. Ben coñecido é que frades, abades e vellos fidalgos acaudillaron a causa de don Carlos no noso país, tamén cos trabucos na man. As primeiras novas que se teñen do líder guerrilleiro localízano, cara a finais de 1836, no sur da provincia lucense como membro dunha partida procedente das montañas asturianas. Despois de fuxir das terras da Ulloa e da Ribeira Sacra pola presión das tropas da rexente María Cristina, a partida, comandada por Mateo Guillade, combateu, os chamados “liberais”, no sur da provincia ourensá e de Pontevedra; sempre nun vai e vén polo Miño, nun agocho aquí e outro acolá na raia seca. Nunca se afastou en exceso da banda fronteiriza e acudía ao refuxio portugués aínda que, tras a derrota da causa miguelista, o goberno de Lisboa tiña tanto interese como o de Madrid en rematar coa aventura carlista. O caso é que dende a desembocadura do Miño ata as serras do Suído, do Leboreiro ou o Val de Monterrei, foron territorios de combate da facción do Guillade, nun escintilante ir e vir de foraxido transfronteirizo que para si quixeran os guionistas de Hollywood; tanto coma nós gorentamos dunha industria cinematográfica propia. Comandaba pois Mateo Guillade a partida carlista máis especificamente miñota e arraiana, unha mestura de heroe e bandoleiro, con evidentes capacidades militares, que acadou a cima do seu prestixio entre 1837 e 1838. O seu creto entre os rebeldes carlistas chegou ao maior nivel cando nunha acción militar, ben preparada, deu morte a un coronel (xullo de 1837) e uns meses despois (abril de 1838) tomou Tui durante unhas horas. O asalto á vila episcopal realizouno tras unha hábil manobra na que dirixiu 200 homes disfrazados de soldados gobernamentais. Segundo parece, estas accións servíronlle para ser nomeado Brigadier e Comandante Xeneral das partidas carlistas en Galicia. Durante dous anos andou guerreando pola “Causa”, sendo protagonista de ducias de enfrontamentos armados, ata que, a resultas dun ousado, e fracasado, ataque á casa forte de Refoxos (Cortegada), na parroquia próxima de Escudeiros: “O xefe carlista chegaba ó fin do seu vivir”, escribiu Otero Pedrayo. Era o 15 de agosto de 1838. Cando se soubo da morte do xefe faccioso, o comandante militar de Ourense deu orde de levar o cadáver á cidade para expoñelo en público. O alcalde mandou que tocasen as campás; chamaron o cirurxián para que lle rebanase a cabeza e colgárona nun gancho. Moita xente de Ourense e bisbarra, aproveitando que era San Roque, acudiu a contemplar a testa degolada de Mateo Guillade. A falta de apoio popular e a presión do exercito liberal remataron coa partida do Guillade. A morte do capitán supuxo a divisón da partida en tres seccións que foron posteriormente aniquiladas, poucos meses antes do Convenio de Vergara que puxo fin á primeira guerra carlista. A vida de Mateo Guillade nos anos de chumbo e lume está documentada, pero sábese moi pouco das andanzas previas. O profesor Barreiro Fernández apunta que foi oficial do exercito realista, mais, con posterioridade, e sen que se coñezan as razóns, destituído; como tampouco nada se sabe sobre o motivo da súa detençón en Portugal. Nesta falta de información móvese un misterioso, ou non tanto, Guillade bandoleiro, que asaltou Baiona en 1820. É o mesmo que o xefe carlista que xuntou sona e terror unha década despois?”
CARLOS MÉIXOME