GALEGOS LISBOANOS (A GREVE DOS PADEIROS)

Na madrugada do día 22, despois de catro noites de acampada, unha forza de cabalería, infantería e policía comezou a actuar para disolver a concentración. En plena noite, as forzas comezaron a cercar o campamento, mentres os “grevistas” se mantiñan en actitude completamente pacífica. Despois, as forzas da orde comezaron a separar os operarios portugueses e estranxeiros, de tal xeito que estes ultimos foron levados en dirección a Lisboa preto das catro da madrugada para ser recluídos no Arsenal da Marinha. O Jornal de Noticias recollía a versión oficial dos feitos: “O cêrco tinha por fim prender os moços de padeiro gallegos que se encontrassem entre os grevistas, pois, na verdade, non se podia admitir que estrangeiros estivessem abusando da hospitalidade que encontraram em Portugal, insurgindo-se contra as leis do reino”. En poucas horas, 285 operarios de orixe galega foron embarcados no vapor África para a súa expulsión de Portugal. Aínda que había algúns da Coruña, Lugo e Ourense, a inmensa maioría eran orixinarios da provincia de Pontevedra, e moi especialmente dos concellos da Cañiza, Covelo, Mondariz e Ponteareas. Mentres tanto, os seus compañeiros portugueses retornaban a Lisboa agochándose das forzas da orde que pretendían impedir que se reconcentraran. Inicialmente, as autoridades tiñan intención de expulsar os emigrantes galegos a Cádiz, mais finalmente cambiaron esa intención e decidiron envialos a Galiza. O dia 24 de xuño, ao tempo que o vapor África partía entre as protestas da colonia galega, a policía disolvía os últimos grupos de folguistas e o movemento remataba; lentamente abrían todos os establecementos e comezaban a circular novamente pola cidade algúns “moços de padeiro”. Ás oito da noite do día 25 de xuño de 1894, tras 29 horas de travesía, o África fondeou no porto de Vigo; ao día seguinte os emigrantes expulsados foron levados en gabarras ao porto e posteriormente ao pazo de xustiza para ser finalmente liberados. A actitude autoritaria dos responsabeis políticos, ao rexeitar calquera negociación cos repartidores, provocou o conflicto, levou à súa prolongación e agravamento, e finalmente concluíu coa arbitraria expulsión dos 285 panadeiros galegos. Mais a realidade era teimuda: nos primeiros días de xullo, aínda non tiña regresado a Lisboa o África, e xa se tiñan producido as primeiras detencións de expulsados que retornaran a Portugal, nas estacíons de ferrocarril de Porto e Lisboa. E a participación dos galegos no asociacionismo sindical do sector da panificación en Portugal perdurou no tempo. Como mostra, basta lembrar a folga dos panadeiros lisboetas do ano 1924, que agravou despois da conmemoración do 1º de maio e que levou ao Goberno portugués a anunciar a determinación de conducir até a fronteira aos panadeiros galegos que tiveran abandonado o trabalho. Trinta anos despois, as autoridades portuguesas aínda gardaban a memória dos feitos de Monsanto, mais tamén os panadeiros orixinarios da Galiza mantiñan intacta a súa combatividade e compromiso.

ELISEO FERNÁNDEZ

Deixar un comentario