PADEIROS BAIXO A BANDEIRA BRANCA E ENCARNADA

Cando a comisión negociadora deu conta dos fracos resultados obtidos, mais dun milleiro de repartidores tomaron a decisión de declarar a “greve geral” e ficar en Monsanto até que as súas reclamacións foran atendidas, para despois chamar a todos os compañeiros a concorrer ao lugar onde se tiñan situado, na Cruz das Oliveiras. Segundo a prensa, nos días sucesivos entre 3.000 e 4000 repartidores chegaron a concentrarse en Monsanto, baixo a vixilancia das forzas da orde pública. Os panadeiros organizáronse colectivamente e fixeron un campamento no que ondeaba unha bandeira formada por catro cadros brancos e vermellos; diversas comisións controlaban a entrada e saída do recinto, impedindo a entrada de bebidas alcohólicas e mesmo chegaron ao acordo de que aqueles “grevistas” que estiveran casados puideran pasar a noite en Lisboa para retornar de mañá a Monsanto cos seus compañeiros. A iniciativa dos “moços de padeiro” sorprendeu as autoridades e chamou a atención da prensa e do público en xeral. Nunca se vira en Lisboa un movemento proletário desas características. Ao cabo, a iniciativa dos repartidores viña a confirmar a potencia da actuaçión mancomunada da clase operária, nunha época en que o 1º de maio quedara recentemente instituído como data para as demostracións de forza da clase obreira. As autoridades, incomodadas polo campamento dos “grevistas”, tentaron poñerlles dificultades: nun primeiro momento, pecharon o pozo de auga no que se abastecían e comezaron a ameazar aos concentrados con desfacer o campamento e expulsar do país os estranxeiros. Mentres tanto, moitos amasadores e forneiros uniranse ao movemento e algúns deles aos “moços” que percorrían as rúas de Lisboa tentando impedir que os “furagreves” proseguiran co reparto de pan. No propio campamento, os operarios recibían a solidariedade doutras asociacións de clase e de cidadáns que lles enviaban diñeiro, alimentos, tabaco, mensaxes e mesmo arreglos florais en apoio ao movemento. Porén, a actitude dos patróns panadeiros non foi unánime, pois mentres uns se solidarizaron cos seus empregados. houbo outros que seguiron cocendo nos seus obradoiros, empregando os militares que o goberno lles ofreceu para amasar. O Século mesmo criticou con sorna que sendo o motivo da folga a esixencia da Cámara de que o pan fora vendido por repartidores acreditados e sen falta de peso, resultaba contraditorio que como consecuencia da “greve” o pan fora amasado por militares e bombeiros que non conseguían unha calidade mínima nin o peso legal, e que despois ese produto fora vendido ao público sen ser pesado e baixo vixilancia policial. O mesmo xornal concluía que chegara o pan ás casas de Lisboa, mas só ás das familias con recursos, pois a maior parte das familias humildes compraban o pan ao fiado e eran os “moços de padeiro” quen lles daban o pan a crédito cando non tiñan recursos, para cobrárllelo logo cando tiñan cartos.

ELISEO FERNÁNDEZ

Deixar un comentario