GALEGOS LISBOANOS
.
A finais do século XIX a presenza galega era corrente nas rúas de Lisboa. O desenvolvemento comercial e industrial fixera atractiva a capital portuguesa para unha emigración que fuxía da miseria e do recrutamento obrigatorio en tempo de conflitos coloniais. Na altura, o número de emigrantes galegos chegou a representar preto dun 70% do total da presenza de estranxeiros en Lisboa (“aínda que poida parecer mentira, poucos forom os que se derom conta que os galegos non eram extranxeiros”). No servizo doméstico, na hostelería, en ocupacións como as de “moços de fretes” ou aguadeiros, a emigración galega facíase presente en toda a cidade, até o punto de dar o seu nome a algúns lugares públicos: a Ilha dos Galegos, ao carón do Chafariz do Loreto, era o enclave onde tradicionalmente os emigrantes agardaban a seren contratados para o transporte de auga ou mobiliario, e tamén alí se relacionaban cos seus paisanos de Lisboa. Quizais algo menos coñecida é a presenza da emigración galega nun sector como era o dos “moços de padeiro”, os empregados das panaderías que, cargando ao lombo con grandes cestas, distribuían o pan desde os obradoiros até os confíns da cidade. En fotografías e postais, a imaxe do “moço de padeiro” representaba unha das estampas máis pintorescas da Lisboa decimonónica. Eran varios milleiros os que todos os días saían dos obradoiros coas súas enormes cestas para facer chegar o pan a todos os fogares. Era unha ocupación que tiña en común coa dos aguadeiros ou “moços de fretes” a dureza do traballo e a súa mobilidade dentro do espazo urbano, o que viña a confirmar que os galegos tiñan que se conformar coas ocupacións máis ingratas dentro do espectro laboral da cidade de Lisboa.
eliseo fernández
Esta entrada foi publicada en
Uncategorized.
Ligazón permanente.