O presente artigo ten por intención divulgar e pór en valor un documento pouco coñecido e que fai referencia a unha parroquia do nosso concello. Dito documento reférese á fundación da denominada “Domus Sancta Leocadia” pelos “Homines” de Guillade no que se expoñen as diferentes doazóns que os homes de Guillade aportan para fundar e soster unha igrexa ou mosteiro baixo a advocación de Santa Leocadia. Trátase dun pergamiño de 555 mm de longo e 320 mm de alto, no que a escritura consérvase en bo estado. A importancia do “Homines de Guillade” queda reflectida no feito de ser estudado polo profesor Miguel Romaní Martínez, Profesor Títular da Área de Ciencias e Técnicas Historiográficas do Dpto. de Historia da Universidade de Santiago, e por Pablo S. Otero Piñeyro Maseda do Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento, para certificar a sua autenticidade e demais aspectos relacionados co mesmo (1). Este pergamiño, datado no ano 963 (S. X), é o segundo mais antigo de que se teña constancia en que se menciona a unha parroquia de Ponteareas (o primeiro é do S. VI, no que se fai referencia á parroquia de Areas no Parroquial Suevo (2) ), e ademais é o documento máis antigo do fondo do Mosteiro de Santa María de Melón. Os investigadores antes citados, como primeiro paso para comprobar a autenticidade do documento, analizan o tipo de letra empregada para a súa escritura, xá que no S. X empregábase a denominada “Visigótica Cursiva”, sen embargo atopan que o texto do pergamiño está escrito nun tipo de letra chamado “Minúscula Diplomática”, empregada mais tarde, en concreto durante o S. XII, polo que chegan á conclusión de que o documento analizado é, en realidade, unha copia do S. XII do orixinal do ano 963 (S. X). Para sustentaren esta tese comparan a súa caligrafía com outro documento do fondo do mesmo mosteiro do S. XII, en concreto cun privilexio concedido ó Mosteiro de Melón polo Rei Fernando II (1157-1188) sendo a caligrafía case idéntica. Outro dato que reforza esta tese é que durante os séculos XII e XIII no reverso dos documentos de Melón e Oseira acostúmase a escribir unha pequena frase sobre o seu contido, que tamén aparece no pergamiño que se está a analizar. Segundo os investigadores, as razóns polas que se debeu facer a copia poden ser a antiguidade do documento, a súa mala conservación, a dificuldade da sua lectura, ou ben que o orixinal fose doado á propria igrexa de Santa Leocadia. O seguinte paso para comprobar a autenticidade do pergamiño é examinar se a redacción do texto corresponde coa usada habitualmente no S. X. Para iso, os investigadores anteriormente citados comparan este documento con outros dos mosteiros de Celanova, Samos e Sobrado dese mesmo século, para verificar se as expresións empregadas no documento son concordantes. Despois das comparacións conclúen que as expresións son de uso habitual no S. X, e as invocacións e referencias feitas ó princípio do documento son características de documentos solemnes desa época. Tamén reforza esta tese o grande numero de nomes e apelidos de orixe xermánica no pergamiño. Tendo en conta o expresado ata aquí, os investigadores consideran, aínda que con certas reservas, que o documento é fidedigno, ou sexa unha copia textual do século XII do orixinal do ano 963. Outra cuestión que chama a atención dos investigadores é a grande cantidade de “galeguismos” que aparecen nun texto orixinalmente escrito no ano 963 en latín, que incluso parecen precoces para o século no que se fixo a copia (S. XII). Considérase como primeiro texto en galego-portugues, escrito en Portugal, o denominado “Pacto dos Irmaos Pais”, escrito arredor de 1175 na zona de Braga (3), e o primeiro escrito en Galicia o titulado “O foro do bo burgo do Castro Caldelas” encargado por Alfonso IX, rei de Galicia e León, en 1228 (século XIII) e redactado por un notario de Allariz. Sobre esta cuestión os investigadores fan as seguintes observacións por un lado, e debido á calidade e habilidade gráfica do copista, parécelles improbable que introducise palabras romanceadas (galeguismos) polo que deben copiar todo como o atopou e se cometese unha falsificación consciente, non iría mesturar duas linguas. Outra posibilidade para a aparición dos galeguismos é que o copista puxera en galego algunhas das palabras latinas por consideralas improprias ou xa difíciles de entender no intre da copia. ( Outra grande possibilidade, foi que, para evitar problemas na identificación das propriedades, no texto orixinal do ano 963, se usara propositadamente o nome verdadeiro polo qual eran conhecidas entre os vecinhos.) As palabras que os investigadores identifican como galeguismos no texto do pergamiño son as seguintes:
– aqua de Sancgineiro
– cadeyras
– colmenas
– cruce
-duos libros
-fonte de Beteiro
-hordino perfecto
-isso
-juiz
-kalice
-larea de Requieiso
-libro mistico
-Mazana
-ovelias
-pena de Undurina
-pena de undurina
-psalteiro
-Rego
-rotea da Bocalosa
-uachas
Em todo caso, e como polas razóns expostas anteriormente o documento non puido ser escrito antes do reinado de Fernando II (1157-1188), nin muito despois do fin do S. XII, os investigadores apelan aos filólogos para veren se neste documento referente a unha parroquia do noso concello están as primeiras palabras escritas do galego, co cal, de ser así, o mesmo adquiriría unha relevancía incalculábel.
xosé manuel david giráldez
notas:
(1) Miguel Romaní Martínez – Pablo S. Otero Piñeyro Maseda. La “Domus” de Santa Leocadia de Guillade (Ponteareas) en un documento del año 963. Estudio sobre su autenticidad. Cuadernos de Estudios Gallegos, LVI Nº 122, . Xaneiro – Decembro (2009), pp. 113 – 137.
(2) José Carlos Sánchez Pardo. Organización eclesiástica y social en la Galícia tardoantigua. Una perspectiva geograficoarqueológica del Parroquial Suevo. Hispania Sacra, LXVI 134, Xullo – Decembro 2014, pp. 439 – 480.
(3) José António Souto Cabo. Os primeiros escritos em galego-português: revisao e balanço. Revista Galega de Filoloxia. Monografía 9, pp. 369 – 393.
