O NOME DE GUILLADE (III)
.
Despois das duas primeiras teorías sobre a orixem do nome de Guillade, chega a nós unha terceira vía desta vez polo caminho da história “As orixes desta parroquia vencellaríase a un propietario, “Williahathu” – “Viliati”, un xefe xermánico posuidor dun amplo latifundio na Alta Idade Media na marxe norte do rio Uma. A familia, magnates ou ricohomes, irían desmembrando o territorio desde o século XI con diferentes doazóns aos principais poderes eclesiásticos da rexión: a Catedral de Tui e o mosteiro de Melón. No século X comprobamos a fundación dunha igrexa en Guillade baixo a advocación de Santa Leocadia. No ano 963 un numeroso grupo de persoas, herdeiros do antigo propietario, contribuirán con diferentes bens no territorio para establecer unha casa e basílica, adicada a Santa Leocadia. Os nomes de orixe xermánica dos doantes sinalan eses vencellos coa antiga posesión agrícola, que se irá disolvendo coas diferentes doazóns que se practicarán nos séculos XI e XII. Restos da igrexa de Santa Leocadia, así como a súa pía bautismal, serian atopados polo equipo arqueolóxico do Baixo Miño e expostos os datos por Martínez Tamuxe. A tipoloxía da pía de bautismo, cunha banda sogueada ao seu redor, encadraría coa época da doazón (século X), do mesmo xeito que algúns dos restos atopados que sinalaría unha ocupación do lugar breve. Neste senso sinalar, como xa o fan Romaní e Otero no seu traballo, que Santa Leocadia non se trataría dun mosteiro, como nun principio se conxeturou, senón unha igrexa que atendía a un núcleo rural que esmorecerá probablemente nos comenzos do século XI. A igrexa de San Miguel de Guillade (Viliati), sería doada por Hermosenda Menéndez ao bispo tudense Auderico no ano 1074, o que sinala a antigüidade da parroquia pero tamén como a súa orixe se ligou a unha poderosa familia nobre na rexión miñota. En 1156 no reparto de bens entre bispo e cabildo, o bispo tiña a posesión da metade da igrexa de Guillade. Varios documentos do mosteiro de Melón, sinalan as diferentes doazóns que se fan no territorio de Guillade, como a de 1223 por Fernando, Maior e Rodrigo Petri, do lugar de Palaciis (Pazos). Este lugar de Pazos evidencia a fragmentación das velhas propiedades dos magnates altomedievais e tamén como o topónimo mostra o núcleo do territorio e residencia dos antigos latifundistas, nas inmediacións da mesma igrexa parroquial. En 1205 o rei Alfonso VIII de León concedería o realengo de Guillade a Suero Díaz; o señorío de Guillade pasará a mans da nobreza que acabará integrando a parroquia co paso dos séculos no condado de Salvaterra. Tal e como acontece coa igrexa de Santa Leocadia, a posesión dos documentos de doazón en mans de Santa Maria de Melón mostra como estas posesións acabarían formando parte do poder económico do mosteiro cisterciense, mentres que a igrexa parroquial quedaria en pertenza dos bispos tudenses. Deste xeito temos as separacións habituais entre señorío, bens e xurisdicción eclesiástica nunha mesma parroquia que provoca numerosas confusións e pleitos durante o Antigo Réxime. É importante entender o proceso de formación da parroquia, cos seus límites, toda vez que esta vaise producindo entre os séculos XI e XII, ata o seu proceso de maduración definitiva. O crecemento económico e demográfico que empurran á roturación de novas terras neste período, vai crear unha nova organización eclesiástica para dotar a eses núcleos de poboación emerxente do auxílio espiritual apropiado. Neste senso, San Miguel de Guillade ofrece unha información extraordinaria sobre o proceso de formación das parroquias baixomedievais. Desde un latifundio (villae), o territorio de Guillade vai desmembrándose ata acadar os límites formados con outras parroquias que crecerán ao seu redor (Cumiar, Mouriscados, Vilacoba, Uma, Celeiros e Santiago de Oliveira) desde o século XII”.
léria cultural
Esta entrada foi publicada en
Uncategorized.
Ligazón permanente.