A REPOBOACIÓN FORESTAL DO PRIMEIRO FRANQUISMO NO CONDADO (1939-1959)
.
Acabada a Guerra Civil, a ditadura de Franco estabeleceu un sistema económico de autarquía, que daquela se estaba aplicando na Italia fascísta e na Alemaña nazi. Segundo isto, tódalas forzas produtivas do país, os montes incluídos, supeditáronse ao interese político de lograr a autosuficiencia económica de España. O franquismo optou pola repoboación forestal masiva cun enfoque produtivista, fomentando a creación de novas masas forestais por parte do Patrimonio Forestal del Estado (PFE) coa finalidade de abastecer de celulosa á industria do papel, de embalaxes, de travesas de ferrocarril, de tecidos artificiais, de explosivos, de materiais para a construción…, sen recorrer ás importacións. Para este proxecto. o Condado resultou ser unha terra idónea porque “la comarca del Condado es una de las mas forestales de la província (…) y hoy existen en el Partido Judicial de Puenteareas, numerosísimas fábricas de aserrío (…). Por eso es de enorme interés aumentar la superficie arbolada (…), una magnífica inversion, de la que se obtendrán en un futuro próximo, (…) pingües beneficios.” Así, a repoboación intensiva de piñeiros efectuouse nos montes de Utilidade Pública e os de Libre Disposición de tódalas parroquias, e debia facerse con especies de madeiras brandas e crecemento rápido. No Condado, a principal especie introducida na repoboacion foi o Pinus Pinaster (piñeiro bravo) “que es la especie que se consume casi exclusivamente en las fábricas de madera próximas, y como por otra parte no es de esperar que se monten fábricas en la comarca del Condado, que necesiten matéria prima de eucaliptus ó acacias, estimamos que la repoblación debe ser a base de Pinus Pinaster”. O <Novo Estado> impuxo consorcios asinados entre o PFE (por medio do Distrito Forestal de Pontevedra) e as 5 corporacións municipais da bisbarra. En Ponteareas, en 1944, o Distrito Forestal solicitou ao Concello a cesión de montes para repoboar e este cedeu primeiro o monte Galleiro (Padróns) e mais tarde Seijo e Forna (Xinzo), Salgueirón e Cobas (Ribadetea), San Cibrán (Guláns), Bouza da Vaca (Cristiñade) e outros. Nas condicións do consorcio para a repoboación de San Cibrán, vemos que a propiedade seguía sendo municipal pero podia venderlla ao PFE. O arboredo existente e o que se crease pasaba a ser propiedade do Patrimonio. Este faciase cargo da dirección técnica dos traballos, da garderia do monte, dos gastos de repoboación, os costes das vías de saca necesarias no monte e edificacións permanentes pagábanse entre ambas institucións. O Servicio Forestal encargábase de elaborar e executar os proxectos. O Concello recibia o 40% dos beneficios das talas e o 95% dos demais aproveitamentos; os aproveitamentos de pastos e leñas de carácter veciñal, subordinaba sempre “su localización, época y cuantía a las necesidades de la repoblación y conservación del arbolado”. A comercialización dos productos do monte realizouse desde os Concellos mediante un sistema de subastas anuais nas que participaron os numerosos industriais madeireiros. Empresas como Serrerías del Miño (Salvaterra), Compañia Maderera del Noroeste de España (As Neves); José Ucha Bugarín e Hijos (Areas-Ponteareas), Manuel Álvarez e Hijos (Vigo) e um amplo etc… En virtude da apropiación municipal das propiedades comunais que impuxo o rexime franquista, os aproveitamentos madeirables foron unha fonte de ingresos imprescindible para nutrir os seus orzamentos. Así, en As Neves, en 1946 “teniendo en cuenta que existen obras de urgentísima necesidad en el término municipal e de perentória realización, (…) se acuerda autorizar al Sr. Alcalde, para que (…) gestione la venta de pinos”. E, cando dez anos despois a subasta anual quedou deserta, ocasionou grande preocupación no concello por “el grave problema que se crearia al Municipio en el caso de que la realización de los aprovechamientos no tuviera efectividad en el presente ejercicio, porque no sería posible cancelar las obligaciones contraídas”. Para a campaña forestal 1947-48 o mesmo concello solicitou o aproveitamento de 3.400 piñeiros “entendiéndose que esta corta es absolutamente necesaria para los intereses del Municipio ya que tiene proyectado y en trámite obras municipales de capital importancia”. E o mesmo argumento utilizase na campaña forestal de 1949-50. A enorme dependencia que tiñan os orzamentos municipais dos aproveitamentos produto da repoboación foi unha constante en todo o Condado. En Ponteareas “en el presupuesto para el actual ejercicio se ha previsto un ingreso de 54.000 pesetas por aprovechamientos forestales, (…) pues si no se acudiera a este recurso se desvirtuaría el Presupuesto y no podrían atenderse varias necesidades. E en 1944. “en el Presupuesto Municipal (…) figuran como ingreso 40.000 pesetas, por aprovechamientos forestales en montes comunales, cantidad de la que no puede prescindirse para atender a los gastos previstos en dicho Presupuesto”. Esta situación culminou en 1953 cando os aproveitamentos forestais representaron o 22,18% do orzamento de ingresos. Así explícase que, ao final, pesasen ben máis nas decisións municipais os beneficios dos aproveitamentos cá protección da economia labrega. Na comarca do Condado, a política de repoboación forestal foi un torpedo na liña de flotacion da economia tradicional agrária e das ancestrais prácticas comunais. Os consorcios, pese a algunhas apariencias de toma en consideración dos intereses labregos, arrecuncharon aos lexítimos donos, as comunidades campesiñas, e atacaron con moi poucos miramentos á economía das aldeas. Durante os Anos da Fame o aproveitamento dos montes comunais, era un complemento esencial para a súa supervivencia. Neste sentido a incautación dos comunais e as fortes limitacions ás prácticas económicas tradicionais das parroquias, resultou unha agresión sen precedentes que empeorou aínda aínda máis as durísimas condicións de vida. Algunha corporación, como a de Mondariz, expresaron a necesidade de protexer as colectividades rurais no proceso repoboador. Sen embargo co paso dos anos 40 ocasionou unha sistemática solicitude de concesións de parcelas de comunal a particulares, para cultivar. As corporacións adoptaron unha actitude cambiante pero a medida que a repoboación se espallaba, os beneficios económicos que reportaron para os concellos, fixeron que se acabase impoñendo unha actitude de denegación das solicitudes. Así, os montes comunais repoboados encheronse de restriccións: ás rozas destinadas ao cultivo, ao pastoreo, ás queimas para creación de pastos, fortes restriccións á caza. Xa en 1942 varios veciños de Pias solicitaron “se deje sin efecto la repoblación del monte de la Cruz para dejarlo libre para el pastoreo”, Tamén os veciños de Celeiros pediron que “se deje libre el monte nombrado <Pedra do Cabalo> desde la carretera de Guillade hasta la <Dagoada>”. En Guillade permitíase provisionalmente o pastoreo nas zonas ainda non repoboadas pero advertíase aos veciños da obriga de “sustituir dicho ganado cabrío hasta llegar a su extinción en el plazo de 3 años”. Asimesmo, en Vilacoba (Salvaterra) no proxecto para repoboar o monte Porto Escuro, sinalábase que “en el monte pasta ganado vacuno de los vecinos de la parroquia (…). Además fraudulentamente pastorea ganado cabrío de la parroquia de Batallanes. Para el ganado vacuno se deja zona de pastoreo en las proximidades de la parroquia. La supresión del pastoreo de cabrío no crea problema, puesto que lo efectúan fraudulentamente”. Aquí o Concello de Salvaterra preferiu pactar cos “vecinos más caracterizados” de Vilacoba, as zonas a repoboar e as zonas destinadas ao pasto do gando vacún, concluíndo que “de esta forma hay seguridad de que los vecinos de Vilacoba no pondrán dificultades, al emprender los trabajos de repoblación”. Pero resolvián de maneira expeditiva os inconvenientes cunha verdadeira persecución ao gando caprino, que é tamén moi visible no resto dos concellos do Condado, enviando a mensaxe de que o proceso repoboador continuaría a costa dos intereses campesiños se fose necesario. Pese a todo, e por pura necesidade de supervivencia, os veciños seguiron coas prácticas propias da súa economía tradicional aínda sabendo os riscos de sancíons en que podían incurrir. Así, en 1950, en As Neves “han sido impuestas multas a varios vecinos de las parroquias de San Cipriano y Batallanes por apropiación indebida de terrenos comunales y pastoreo abusivo en los mismos” por importe de 12.210 ptas. Pero onde máis claramente se percibe o malestar labrego é no escrito dos veciños de Gargamala ao Gobernador Civil e ao Alcalde de Mondariz en marzo de 1958, porque cando “estaban tranquilos en posesíon de la modesta explotación de estos terrenos, donde llevan a cabo sus operaciones de pastoreo, se encuentran sorprendidos, con los nuevos trabajos de repoblación forestal, de tal forma llevados que (…) invadiendo estos terrenos se les priva y perjudica hasta el extremo que sus ganados se encuentran sin pasto. Y al verse desprovistos de este único medio de vida, la ruína para todos los vecinos es inminente y total, dado que la mayoría tendrán que ausentarse de las tierras que los vieron nacer y buscar otros medios de vida”. En 1943, aparece o que tal vez foi o intento de dez veciños do barrio de Couso (Guláns-Ponteareas) de manter os aproveitamentos veciñais. Solicitaron estes a suspensión da orde da alcaldía de repoboar “el monte denominado <Couso> (…) toda vez que -dicen- tal monte les pertenece”, asunto que se denega con rotundidade porque, “aunque se admitiera que el barrio de <Couso> como Entidad disfrutara del monte, por no estar organizado administrativamente, siempre correspondería al Ayuntamiento la ordenación de todo lo referente a la repoblación forestal. E no mes de agosto deste ano engádese ao carácter confiscatorio da repoboación, outro gravame para as aldeas: que parte dos traballos de repoboación “han de llevarse a cabo con carácter vecinal gratuíto durante el año forestal 1943-44”. O caso é que, aínda á altura de xuño de 1951 “la repoblación de (…) San Ciprián (…) causa transtornos a los vecinos de la parroquia (..) especialmente a los aprovechamientos de pastos y esquilmes”. E por se, pese a todo, os veciños das parroquias quixesen arriscarse a ser sancionados polo incumprimento da normativa, o Concello de Ponteareas acordou conceder aos gardas forestais “la gratificación del 50% del importe de las multas que se impongan en las denuncias presentadas por los mismos”, magnífico estímulo para extremar a vixilancia nas terras en repoboación. Por outro lado, a práctica da caza quedou fortemente afectada pola lesiva normativa emanada do Distrito Forestal de Pontevedra na súa intención de protexer as zonas repoboadas. En 1954 establecia que “las superficies que se hallen en repoblación quedarán acotadas a la entrada de los cazadores para evitar los probables daños y muy especialmente a los posibles incendios que como consecuencia de la práctica de la caza pudieran producirse.” E efectivamente, constátase o incremento dos incendios forestais que teñen como telón de fondo a “hostilidad contra la forma en que se estaba acometiendo la repoblación”. (Cabana Iglesias, 2007) En 1948, as dificultades para controlar de maneira efectiva cada vez máis áreas repoboadas, obrigou en Ponteareas a unha distribución de gardas forestais por zonas. Pero ao ano seguinte o alcalde Ojea expresaba a urxencia de reorganizalas porque “los montes se hallan completamente abandonados debiendo volver algunos guardias a encargarse de la vigilancia de los montes en los que hay en la actualidad una enorme riqueza que es preciso conservar o incrementar”. Isto non evitou, por exemplo, que en 1947 ardesen os montes repoboados de Seijo e Forna (Xinzo) e o de Salgueirón e Cobas (Ribadetea), nin que en 1955 volvese a arder o primeiro deles. A repoboación forestal no Condado durante o primeiro franquismo tivo a súa continuación nos anos 60 e 70 e, pese á crecente resistencia veciñal, acabou cambiando por completo a cobertura vexetal dos montes e a súa dinámica ecolóxica, co predominio abrumador das especies alóctonas de carácter produtivista en detrimento das variedades climax de frondosas caducifolias que neste medio se desenvolve de xeito natural baixo as condicións do clima oceánico. Tamén o ser humano tivo que reorientar as súas estratexias de supervivencia coa esperanza posta na emigracíon a Europa.
francisco candeira mosquera

Esta entrada foi publicada en
Uncategorized.
Ligazón permanente.