Arquivos diarios: 14/06/2017

FIGUEIRA DA FOZ

.

A manha atlântica levantava o véu de nevoeiro das ruas de Praiabela…

Miguel Viqueira, in “Praiabela”

 

Estes versos xa debían

ter sido escritos hai algún tempo.

Olvidei imaxes

mais o feito de o retardar

tamén é poético.

Pouso estes minutos aquí

para albiscar a antesala do ermo:

o sol nace na profunda area

e só podemos pensar

nun tecido persa deica as ondas,

só nunha esquina da praia ondeando.

E teño que ver

un iluminador de códices

ou a inicial fermosa e grande

dun manuscrito

paseando pola praia:

quero un ornamento minúsculo

e rico: aristoácrata.

Aquí ningén repara no sol,

resplandece a area,

as ondas están moi lonxe,

ermo habitado mais inatinxíbel,

porta da grande solidón.

Teño que subir a un edificio alto,

rodando lentamente

sobre unha roda de muiño,

e atopar no último andar

un leitor coa perna

dereita dormida, sentado,

lendo no libro da lonxanía

cousas de ver e beber

e no libro da vida

un segredo escrito con letra

antiga e pequenísima.

 

francisco candeira