NON HAI DISTANCIA

.

Non hai distancia

entre o fume e as columnas

porque non vexo diferencia

esencial entre a néboa

e a redondez pulida das columnas.

As tatuaxes (filigranas

apuradamente alcoólicas)

desta tripulación noctámbula

que me acompaña no mar

das botellas apiladas (a escuma

da onda son copas invertidas baixo luz)

veñen  dicirme

que no mármore hai naturalmente

petroglifos trazados

pola man cóncava da lúa.

Un whisqui tende a ponte circular

da comuñón, que é un plaxio

oculto, sen publicar,

acaso unha canción moi compartida,

acaso unha cita.

A comuñon: ese plaxio

porque cadaquén é outros:

eu non son soamente eu

porque a amizade

ergue o vaso ás alturas dos ollos.

 

francisco candeira

Deixar un comentario